Vilagarcía presenta o proxecto do roteiro musealizado dos petróglifos de Xiabre

Israel Picón, Paola María e Álvaro Carou na presentación do proxecto do roteiro musealizado dos petróglifos de Xiabre. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Os ediles Paola María e Álvaro Carou, xunto ao arqueólogo Israel Picón, explicaron os traballos que se desenvolveran nesta actuación

O Concello de Vilagarcía presentou este xoves o proxecto de creación dun roteiro musealizado dos petróglifos presentes no Monte Xiabre. No acto compareceron a edil delegada de Patrimonio, Paola María, o edil de Turismo, Álvaro Carou, e o arqueólogo e sociofundador de Citania, empresa que executará esta actuación, Israel Picón.

Paola María abrIu o acto recoñecendo que se trata dunha "actuación moi bonita" e explicou que é "unha continuación da posta en valor dos petróglifos de Xiabre". A edil de Urbanismo quixo transmitir que este proxecto é "custoso pero moi satisfactorio" e, antes de dar paso a Picón, aclarou que se levará a cabo cos Fondos Europeos.

O arqueólogo fixo unha explicación máis profunda das actuacións que se farán en Xiabre e concidiu coa edil no que respecta aos traballos realizados en 2021. "Nese ano fíxose unha limpeza total da zona e se localizaron os distintos elementos arqueolóxicos. O máis importante foi que se traballou para unificar as nomenclaturas", afirmou Picón

O membro de Citania quixo agradecer a "todos aqueles que fixeron posibles os avances", como Yolanda Seoane ou Iria López Baltar, e declarou como "custoso e duro" o proxecto. Picón afirmou que a intención é "continuar os avances e a posta en valor da zona" e consolidou as liñas de actuación da operación.

O proxecto, que debe estar finalizado este ano, terá o obxectivo de limpar os petróglifos, engadir oito paneis informativos das rutas, aínda que sen "panelizar o monte", e outra decena de sinais adicionais, consolidar unhas normas de actuación contra o vandalismo e entregar unha memoria final das labores.

A actuación levarase a cabo en seis petróglifos; Sobreiras 3, Sobreiras 5, Sobreiras 6, Sobreiras 8, Sobreiras 12 e Monte Xiabre 2, coa posibilidade de actuar tamén nun sétimo, Sobreiras 13. Neste último, fariase unha labor, especialmente, de localización.

Para pechar a presentación, Álvaro Carou seguiu a liña da súa compañeira no Concello e afirmou que é "un día moi importante para Vilagarcía" xa que as actuacións serán nun "patrimonio clave" do municipio. O edil de Turismo tamén recalcou a intención de que Xiabre "se convirta nun referente turístico" con rutas de senderismo sinalizadas e traballos de mellora no mirador. Carou rematou comentando que o importante é que "o proxecto sexa sostible, xenere o menor impacto posible no monte e perdure no tempo".