Vilagarcía acollerá unha charla formativa para as persoas do sector marisqueiro

Un grupo de mariscadoras en la Ría de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Na xornada abordaranse as principais tendencias de consumo no eido dos produtos da pesca e o marisqueo, ferramentas para comunicar mellor a misión e valores das empresas e autónomos do sector e cuestións relacionadas co valor engadido 

A Consellería do Mar xunto coa Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, ofrecerá formación ao sector marisqueiro de Galicia para achegar aos produtores, autónomos e empresas deste ámbito ferramentas prácticas de márketing e comunicación co fin de impulsar a valorización dos produtos do mar, mellorar a rendibilidade e potenciar a súa excelencia no mercado.

Deste xeito desenvolveranse tres xornadas formativas, unha delas na sede da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa, que terá lugar o venres 23 de xuño e unha duración aproximada dunha hora e media.

Trátase dunha formación gratuíta e as persoas interesadas en participar nelas e que desexen máis información poden contactar coa Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra (teléfono: 986 670 103 – correo electrónico: info@fpcppontevedra.gal).

O encontro desenvolverase en formato charla-coloquio, impartido pola experta de márketing e comunicación pesqueira da Federación Nacional de Asociacións Provinciais de Empresarios Detallistas de Peixes e Produtos Conxelados (Fedepesca), Silvia Gil, e realízanse atendendo á constante evolución dos mercados no ámbito marítimo-pesqueiro e á necesidade dunha actualización permanente das estratexias de márketing e comunicación. Con elas búscase que o sector marisqueiro reflexione sobre o seu papel no ecosistema empresarial e promover que chegue ao seu público obxectivo.