Vilagarcía, con "resaca emocional" e destacando o bo ambiente nas Festas de San Roque

Os operativos especiais de organización de eventos, limpeza, tráfico e seguridade executáronse con fluidez e normalidade, sen que se rexistraran incidencias salientables
Gente disfrutando de la Fiesta del Agua de San Roque 2023. JOSÉ LUÍZ OUBIÑA
photo_camera Xente disfrutando da Festa da Agua de San Roque 2023. JOSÉ LUÍZ OUBIÑA

Vilagarcía de Arousa está de resaca emocional tras os días de festividade do patrón. A cidade vibrou durante dez días coas rúas cheas de actividades e de xente que quixo saír a celebrar as Festas de San Roque 2023.

María Foscaldo (MeryFos), unha creadora moi activa nas principais redes sociais e que conta con milleiros de seguidores, encargouse de dar o pregón co que se comezaban as festas. Seguindo a liña xa iniciada hai anos na procura dunhas festas máis inclusivas, o pregón volveuse a traducir a linguaxe de signos para que tamén o puideran gozar as persoas xordas. Tras el, durante os primeiros días o Festaclown encargouse da diversión. O evento non só se integrou perfectamente no programa de San Roque, senón que as festas xa non se entenderían sen os números de maxia, malabarismos, humor e acrobacias que enchen e dinamizan as rúas da cidade durante estes días.

Polo lado do día da Festa da Auga, coa actual e anterior edición quedou demostrado que a retirada dos camións cisterna atendendo a criterios de sostibilidade e de seguridade non restou asistentes á celebración. Favoreceuse, tamén, a que se elevase o número de nenos e nenas na festa, notándose unha maior presenza de familias ao completo acompañando ao santo patrón na subida á capela e, posteriormente, gozando xuntos da refrescante molladura.

A acollida do público en todos os espectáculos programados foi excelente, tanto nos grandes concertos gratuítos (Rayden, Don Patricio e o tributo a Mecano), como nos grupos galegos e locais, que sempre teñen un espazo destacado nas festas de San Roque (Treixadura, Noites de Festa, Factoría de Subsistencia, o musical de Tarzán, A Xaiba).

Malia que as Festas de San Roque remataron oficialmente o domingo, aínda queda moito divertimento do que gozar en Vilagarcía para despedir o verán. Cómpre lembrar a romaxe urbana do Folk no Alobre o domingo 27, os concertos e actividades do Festivala a desenvolver do 25 de agosto ao 6 de setembro, o Combate Naval adiado ao día 2 e o festival Ameixa Rock nese mesmo día, e os concertos das Revenidas do 7 ao 10 de setembro.