Ravella e Stop Accidentes asinan un novo convenio para crear camiños escolares seguros

A Concellería de Mobilidade segue adiante no seu proxecto de levar este modelo aos centros educativos da cidade ▶ As obras na contorna do complexo educativo da Lomba están practicamente rematadas a expensas de que o tempo permita as labores de pintado

Colegio A Lomba. GOOGLE
photo_camera A contorna do Anexo A Lomba convertirase nun dos novos Camiños Escolares Seguros. GSV. GSV

A Xunta de Goberno Local, a proposta da concelleira de Urbanismo e Mobilidade, Paola María, acordou facer un novo convenio coa asociación Stop Accidentes para seguir estendendo o proxecto dos Camiños Escolares Seguros, nesta ocasión aos centros da Escardia e do Anexo A Lomba. Ambos están relativamente cerca e comparten, por iso, algunhas das rutas de acceso, de aí que nesta nova edición dos camiños escolares se entenden como un todo.

No concello existen nove colexios de educación infantil e primaria, tres escolas de educación infantil, tres institutos de educación secundaria, un centro integrado de formación profesional e un centro de ensino especial. O obxectivo do goberno local é que este programa, o Vaischool!, se vaia implementando pouco a pouco por áreas escolares. Así, se no curso 2021-2022 se puxo en marcha na contorna da Lomba-Matosinhos, no que se atopan catro centros escolares, a intención en que no curso 2022-23 se faga o propio coa Escardia e o Anexo.

O novo convenio coa asociación que dirixe Jeanne Picard ten un importe de case 8.000 euros. Stop Accidentes desenvolverá talleres socioeducativos teóricos e prácticos de mobilidade sostible con toda a comunidade educativa –profesorado, alumnado, nais e pais- e, ademais, unha serie de accións de estímulo tales como enquisas, mapas de roteiros, dípticos e adhesivos, entre outros, co obxectivo de implementar e promocionar o programa.

Aínda que o principal destinatario do Vaischool! é a comunidade educativa, o beneficio tamén chegará á veciñanza, comerciantes, hostaleiros e persoas visitantes, posto que contribuirá á cumprir coas directrices europeas sobre mobilidade sostible, redución de emisións, autonomía infantil e saúde; en definitiva, a incrementar a calidade de vida.

As obras da contorna de Matosinhos, case rematadas

O novo convenio con Stop Accidentes coincide no tempo coa práctica finalización das obras na contorna da área educativa da Lomba, que abrangue a avenida de Matosinhos e a rúa Xunqueira. As actuacións en materia de mobilidade e accesibilidade están pendentes de detalles finais como o pintado, que dependen moito das condicións meteorolóxicas, motivo polo cal o goberno local decidiu conceder a Covsa e Galsur, as dúas empresas adxudicata rias, a ampliación do prazo de entrega das obras ata o 5 de xaneiro. As obras supuxeron un investimento de 546.000 euros, na súa maior parte financiados a través de fondos europeos.

Dende o pasado verán, as dúas empresas traballaron no ensanche ou construción de beirarrúas, eliminación de barreiras arquitectónicas, habilitación de ciclovías e zonas específicas de aparcamento para o transporte escolar, a instalación de novo mobiliario urbano e iluminación led, e a creación dun "bico e vai", un espazo limitado e debidamente sinalizado para que os familiares que levan aos seus rapaces a clase poidan facer unha breve parada e deixalos con seguridade.