O mercado de Nadal múdase á praza da II República cunha maior flexibilidade de horarios

Tamén se introduce a novidade de pagar unha cota simbólica por día de uso das casetas ▶ Comezará o 2 de decembro e rematará o 1 de xaneiro de 2023

Mercado de Nadal do ano 2021. F.S.
photo_camera Mercado de Nadal do ano 2021. F.S.

O Concello de Vilagarcía de Arousa acaba de abrir a convocatoria para a participación no mercado de Nadal, que este ano se celebrará entre os días 2 de novembro e 1 de xaneiro de 2023, con varias novidades. A primeira delas, o cambio de emprazamento: fronte o que se fixo nos últimos anos, con dous sedes (prazas de España e da Independencia), desta volta as 16 casetas de madeira se instalarán todas xuntas na praza da II República, xunto ao auditorio e o parque Miguel Hernández. Igualmente, para animar á participación e atendendo ás suxestións dos propios comerciantes presentes en anteriores edicións, o horario será máis flexible. E, igualmente, para garantir un certo compromiso de participación cando xa se confirmou a concesión da caseta, os adxudicatarios deberán aboar unha cota mínima e simbólica de 6,25 euros por día de instalación.

Cada caseta estará dotada de iluminación independente e de subministro de electricidade, cuxo gasto asumirá o Concello, así como dos elementos mínimos precisos para a exhibición dos produtos. Todo iso, sen prexuízo de que cada vendedor utilice os expositores máis axeitados ás características da súa actividade, que serán supervisados pola organización e que correrán ao exclusivo cargo do vendedor.

Na distribución e organización das casetas, o concello reservarase un mínimo de postos para actividade de hostalería, que deberá ofertar, entre outros, bebidas quentes (chocolate , infusións e cafés…) con inspiración de Nadal e/ou doces tradicionais para consumo in situ. Igualmente, farase unha reserva dalgún posto de venda para ONGs, fundacións ou outras entidades radicadas no Concello de Vilagarcía, dedicadas a fins sociais e sen fin de lucro.

Estancia mínima dunha semana

Con carácter xeral o tempo mínimo de participación no Mercado será dunha semana salvo autorización expresa do Concello, atendendo a circunstancias excepcionais (natureza dos produtos, procedencia dos vendedores…). As mercancías autorizadas para a venda teñen que ter relación co Nadal: artigos relacionados co Belén tradicional, figuras e os seus complementos; decoración (luces, grilandas, adornos..); flores de Pascua, árbores de Nadal; artesanía; artigos lúdicos infantís de nadal; e doces e outros produtos propios do Nadal. En todo caso, a comisión de valoración municipal terá facultades para rexeitar a venda de calquera artigo que considere competencia desleal respecto do comercio local.

Con carácter xeral, o horario de apertura do mercado será o seguinte:

-Do día 2 ao 22 de decembro: de luns a xoves, de 17:00 a 21:00 horas. E de venres a domingo, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 22:00 horas.

-A partir do día 23 (este inclusive) e ata a finalización do mercado: de luns a xoves, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00. E de venres a domingo, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 22:00 horas.

Os días 24 e 31 de decembro, pola tarde, a apertura será voluntaria. Os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, o mercado permanecerá pechado, salvo acordo da maioría dos vendedores.

Os interesados poden presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica ata as 09:00 horas do 14 de novembro. Só poderá presentarse unha solicitude por cada interesado o que dará opción a un único posto de venda, sen que sexa posible usar a persoas físicas ou xurídicas interpostas para optar a máis dun posto.