Éxito no roteiro literario guiado por Xurxo Alonso en Vilagarcía

O percorrido comezou na Praza de Galicia e pasou polo Colexio León XIII, a Imprenta Cela ou a botica de Lisardo Barreiro
Asistentes á cita en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Asistentes á cita en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O escritor e pintor Xurxo Alonso, nado en Bos Aires e formado no Círculo de Belas Artes de Madrid, guiou durante a xornada desde domingo o Roteiro Literario organizado pola Deputación e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), que recalou en Vilagarcía cun notable éxito de asistencia, e que esgotou todas as prazas.

Asistentes á cita en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Asistentes á cita en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O percorrido comezou ás 11.30 horas na Praza de Galicia, para visitar o Colexio León XIII, onde exerceron como profesores Xosé Núñez Búa, Díaz Castro, Crecente Vega e Aquilino Iglesia Alvariño. A continuación seguiu pola Imprenta Cela, de cuxo prelo saíu o primeiro libro de poesía en galego despois da guerra civil, Cómaros verdes de Aquilino Iglesia Alvariño, e permitiu aos e ás asistentes coñecer a historia da botica de Lisardo Barreiro, na que traballaron como mancebos Julio Camba, Lustres Rivas e Domingo Rial e onde se organizaban faladoiros coa participación de Valle InclánCastelaoCabanillas e Enrique Gómez Carrillo. O Instituto Laboral, onde exerceu como profesor de inglés Plácido Castro del Río, foi a última parada, se ben, durante o traxecto, Xurxo Alonso falou doutros escritores coma Ramón Martínez López, Fermín Bouza Brey, Luís Boza Trillo ou Alfredo Brañas.