Os establecementos porán 31 barras exteriores durante a Festa da Auga

O Concello autoriza estas montaxes sempre que se cumpran cos requisitos especificados, ademais a hora de apertura e de peche amplíase dúas horas
Zona TIR de Vilagarcía. DS
photo_camera Zona TIR de Vilagarcía. DS

O Concello de Vilagarcía autorizou a diferentes locais hostaleiros da cidade a instalar na vía pública un total de 31 barras exteriores para a venta de bebidas con motivo da celebración da Festa da Auga. Estes establecementos deben cumprir uns requisitos especificados na resolución en relación ás condicións de montaxe e de funcionamento das barras. Tamén, o Concello decidiu ampliar en dúas horas o horario de apertura da hostalería.

Segundo a resolución, os titulares dos establecementos deberán colocar os mostradores de maneira que non obstaculicen o paso dos peóns pola vía pública ou beirarrúa nin impidan o uso de mobiliario urbano. As instalacións non poden superar os tres metros de lonxitude, e en ningún caso, exceder a fronte do establecemento autorizado.

A partir das 22.00 horas do 15 de agosto poderán montarse as barras e, a retirada terá que comezar ás 15.30 horas do día 16, co obxectivo de que as vías estean totalmente despexadas ás 16.00 horas e  poidan actuar aos servizos de limpeza.

No suposto de que a disposición dos mostradores impida o acceso dos clientes aos aseos do local, o titular do mesmo deberá instalar sanitarios químicos no exterior.

Todas as barras terán que contar con seguro de responsabilidade civil e deberán obedecer ao disposto na Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, así como cumprir coa Ordenanza municipal de ruídos e vibracións.

En canto ao horario de peche das barras exteriores, será o que corresponde á licenza que posúa cada establecemento, horario que esa noite se amplía excepcionalmente en dúas horas máis.