Cortegada contará cunha guía de información promovida pola Xunta

O manual recompila os lugares máis atractivos de cada arquipélago do Parque Nacional das Illas Atlánticas, presentando a información de forma e entretida e comprensible para todos os públicos
Vistas da Illa de Cortegada desde o mar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Vistas da Illa de Cortegada desde o mar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Xunta colabora na elaboración e promoción da guía de viaxe Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia. Un mar de ciencia, un mar de illas, unha publicación que ten como obxectivo presentar de xeito atractivo e accesible os lugares de interese natural de cada un dos catro arquipélagos que compoñen o parque: Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

O manual permitirá ás persoas interesadas descubrir os lugares máis emblemáticos de cada zona, comprender a historia e etnografía do territorio e coñecer a flora e a fauna que habita neles.

Así, os visitantes poderán explorar as praias, miradoiros, enclaves naturais e puntos de interese histórico e cultural do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a través dun relato que vai máis alá de mostrar o seu valor paisaxístico.

Ademais, a publicación conta con mapas detallados de cada unha das rutas e información esencial para preparar a viaxe a cada unha das illas: como chegar, onde pasar a noite ou onde comer. Tamén inclúe indicacións sobre como percorrelas sen impactar nos ecosistemas protexidos.

Esta guía, que recibiu unha das axudas da Xunta para iniciativas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional financiadas con fondos Next Generation, conta coa colaboración do medio de divulgación científica Gciencia, que difundirá contido relacionado co parque no micrositio Illas Atlánticas habilitado no seu portal.