A Xunta licita a restauración da Capela de Cortegada cun investimento de case 600.000 euros

A actuación contará cun prazo de execución previsto de 9 meses e centrarase na reconstrución das partes derrubadas como os muros, a bóveda ou a cuberta
Imaxe da Capela de Cortegada. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Imaxe da Capela de Cortegada. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Xunta de Galicia vén de sacar este xoves a licitación a restauración da Capela da Virxe dos Milagres, na Illa de Cortegada, cun investimento de preto de 600.000 euros. Trátase dunha actuación que contará cun prazo de execución previsto de 9 meses e que se centrará na reconstrución das partes derrubadas da edificación.

Así, o obxectivo desta intervención é que este ben, incluído no ámbito de protección do PXOM de Vilagarcía de Arousa polo seu valor cultural, se incorpore aos usos do Parque Nacional das Illas Atlánticas e contribúa a recuperar a memoria e historia da Illa e das súas xentes. Esta actuación está impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Para iso, o proxecto, que dá continuidade aos traballos feitos no ano 2017, inclúe a reconstrución da partes derrubadas como a bóveda, muros e cuberta recuperando as pezas de cantería, tarefas de limpeza, o saneamento e drenaxe do pavimento interior e a colocación de novas carpinterías de madeira.

Ademais, os traballos previstos tamén contemplan o acristalamento das ventás, a execución dunha nova cuberta e o acondicionamento do exterior da capela, atrio e escaleiras. Estes labores faranse de xeito paralelo a unha investigación arqueolóxica de todo o conxunto que permita ter máis información deste importante espazo patrimonial.