O Concello nomea fillo predilecto a título póstumo ao ex alcalde Agustín Pereira

Na sesión celebrada durante esta mañá estiveron presentes familiares, ex rexedores e representantes de distintas entidades
Agustín Pereira junto a otros ex alcaldes. CONCELLO DE VILAGARCÍA.jpg
photo_camera Agustín Pereira junto a otros ex alcaldes. CONCELLO DE VILAGARCÍA

A corporación municipal de Vilagarcía celebrou esta mañá, dende as 12.00 horas, unha sesión plenaria extraordinaria e de honra para outorgar a José Agustín Pereira Fernández o título de Fillo Predilecto de Vilagarcía. A concesión faise a título póstumo, pois o empresario e exalcalde faleceu en 2020, aos 76 anos de idade. No acto estiveron presentes todos os ex rexedores –dende José Recuna a Tomás Fole, pasando por José Luís Rivera, Javier Gago, Enrique León e Dolores García-, cos que Pereira coincidiu en distintas ocasións. Pereira exerceu de rexedor entre marzo e abril de 1979, en plena Transición, pero xa antes actuara en numerosas ocasións como alcalde accidental.

Agustín Pereira tamén presidiu a Cámara de Comercio pero, sobre todo, destacou pola súa faceta como empresario e a súa implicación social. Dende Empresa Pereira, SL, Agustín Pereira continuou o legado do seu pai e do seu avó, os tres do mesmo nome, que dende principios de século XX, coa creación de La Emprendedora, sentaron as bases dunha empresa hoxe integrada no grupo Abalo. Agustín Pereira tamén é recoñecido pola súa colaboración con asociacións de veciños, culturais e deportivas –recibiu tres veces o premio á mellor empresa- e tamén polas súas iniciativas en materia de transporte escolar, bonificación dos billetes para as persoas con menos recursos ou a introdución de innovacións como os primeiros autobuses de plataforma baixa moito antes de que foran obrigatorias, por citar so tres.