A batalla de galos Marck vs Ruvix amenizará as Conversas ao Solpor con Rayden na Cidade de Libro

Presentación de la edición de 2023 de Cidade de libro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Os dous 'freestylers' galegos amosarán en Vilagarcía a súa arte coas súas improvisacións de rimas a ritmo de hip hop ▶ O músico e escritor madrileño presenta o martes a súa primeira novela na Praza da II República, onde tamén asinará libros

A programación do Vilagarcía, Cidade de Libro segue incorporando sorpresas e importantes atractivos, como a batalla de galos que se desenvolverá o martes, 14 de xuño, na Praza da II República, para quentar o ambiente de cara ás Conversas ao Solpor que ese día protagonizará o rapeiro e escritor madrileño Rayden. Como petisco á súa intervención, os freestylers galegos Marck e Ruvix encerellaranse nunha animada liorta, en verso e a ritmo de hip hop, para poñer de manifesto a potencia e o potencial do que moitos chaman a "poesía urbana". A posta en escena completarase coa intervención do speaker Risk.

Marck e Ruvix son dous membros de Gallos del Norte, a primeira plataforma de freestyle galego creada co obxectivo de profesionalizar unha disciplina que milleiros de mozos e mozas viven con paixón. Co lema de "Galicia rima unida", o colectivo promociona a artistas de freestyle, a speakers, DJs e músicos da denominada cultura urbana.

O xeito é o "flow" galego

Pola súa banda, o speaker que relatará a batalla é Risk, integrante do colectivo A Vella Escola, centrado tamén en promover e potenciar todas as disciplinas que se amparan baixo o paraugas da cultura urbana: Breakdance, Graffiti, Parkour, Skateboard, Beatbox, Turntablism Dj, Slackline, Rap, BMX, Roller, Street Workout, Freestyle Football, Scooter, Danzas de Rúa, Skimboard, pintado de Gorras Trucker, Tattoo… Risk fai bo o lema de "non temos flow… temos xeito".

O elemento aglutinador para ligar as rimas e os ritmos do hip hop coa literatura será Rayden. A súa presenza no evento Vilagarcía, Cidade de Libro enmárcase na xornada dedicada á relación entre música e literatura, dado que dende hai anos o madrileño combina estas dúas facetas de forma profesional, centrándose na escritura nos últimos tempos. De feito, despois de varias obras poéticas, vén de publicar a súa primeira incursión no xénero novelístico, a obra titulada "El acercamiento de la mujer cactus y el hombre globo", que presentará na mostra vilagarciá.

A Concellería de Xuventude, organizadora do evento, decidiu dedicar esta xornada á literatura e música urbanas co obxectivo de captar a atención e o interese da mocidade, un público que gusta destes xéneros qu e enriquecen e amplían o concepto tradicional de literatura.