Rayden, primeira confirmación para a terceira edición do 'Vilagarcía, Cidade de Libro'

Centrado actualmente na súa faceta literaria, o músico madrileño representará a poesía urbana no evento que se celebrará do 13 ao 18 de xuño
Rayden. DS
photo_camera Rayden. DS

A terceira edición do Vilagarcía, Cidade de Libro desenvolverase do 13 ao 18 de xuño. O evento, centrado nas distintas facetas da literatura e de todos os seus xéneros, dedicará unha das súas xornadas á relación entre a literatura e a música, apartado no que xa está confirmada a participación do músico e escritor, Rayden. O rapeiro madrileño, centrado na actualidade na súa faceta de escritor, representará á poesía e a música urbana, xéneros que atraen a boa parte da poboación xuvenil e da mocidade e que están xerando un cambio no concepto tradicional de literatura.

David Martínez Álvarez, máis coñecido como Rayden, será un dos autores que participarán na xornada inaugural do Vilagarcía, Cidade de Libro, a do 13 de xuño. O escritor, cantante e produtor musical ten publicados diversos libros dende 2015, centrándose especialmente na poesía, como Herido Diario, Cantinela, Terminamos y otros poemas sin terminar, Nunca será siempre, El mundo es un gato jugando con Australia ou Amoratado. Ademais, este poeta urbano foi campión mundial da Red Bull Batalla de Galos de 2006, ano no que previamente xa gañara a final nacional española e que lle permitiu asistir ao campionato mundial deste noxo xénero que algúns ven como os recitais poéticos da cultura urbana.

Rayden presentará a súa última obra literaria e que tamén é a súa primeira incursión no xénero novelístico. Titulada El acercamiento de la mujer cactus y el hombre globo, trátase dunha obra que é todo un canto ao diferente e unha historia de amor entre opostos que se atraen. Seguindo o formato do evento sobre literatura e libros organizado polo Concello de Vilagarcía, ademais da presentación da súa obra, Rayden, como os demais autores, participarán en diversos actos e actividades que o porán en contacto co público, como as conversas ao solpor, a firma de exemplares e outras aínda por concretar.

Dinamización social, cultural e económica

Nos vindeiros días iranse coñecendo os nomes doutros importantes autores e autoras, tanto galegos como do ámbito nacional, que visitarán Vilagarcía para participar no Cidade de Libro. A concellería que dirixe Alba Briones pretende con este evento aportar un novo e atractivo elemento de dinamización social, cultural e económico da cidade, á vez que fomentar a creación literaria e a lectura e potenciar a actividade editorial e das librarías locais.

Ademais das actividades con autores, o Cidade de Libro inclúe un apartado de mostra no que as librarías, editoriais e colectivos literarios exhiben e poñen á venta os últimos títulos saídos ao mercado e outras obras de interese. O programa complétase con actos en espazos de interese do municipio, como Cortegada, ou espectáculos para todo tipo de públicos, como obras de teatro, contacontos ou xincanas e concursos baseados na literatura, prestando especial atención ao sector infantil e xuvenil, aos que se quere atraer ao mundo da lectura e da creación literarias con actividades adaptadas as súas idades.