O aumento da afluencia constata o éxito de 'Vilagarcía, Cidade de Libro'

Actividade nos 'stands' das librarías no Vilagarcía, Cidade de Libro 2023. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
As librarías rexistraron máis actividade que nas anteriores edicións, mentres que a elección de autores permitiu atraer a todas as franxas de idade a unha cita que xa se consolidou no calendario do municipio

Fin de semana para o recordo. Vilagarcía, Cidade de Libro, pechou este domingo unha exitosa edición que destacou pola visita de prestixiosos escritores e escritoras de todo o Estado, deixando "un excelente sabor de boca entre os asistentes e a organización", tal e como destacaron dende o Goberno local. Mostra disto foi a crecente afluencia de público aos actos nos que participaron os autores convidados, aos espectáculos e demais actividades, deixando tamén unha valoración moi positiva entre as librarías locais e editores participantes.

Con estes resultados, a cita afiánzase na axenda cultural do Concello, que seguirá apostando por un evento que abarca a literatura de forma transversal para xerar un recurso que, "ademais de fomentar a cultura e a educación, serve para dinamizar a economía local e para poñer en valor a marca Vilagarcía". Segundo o Goberno local, os mesmos autores convidados contribúen a potenciala "cos comentarios que fan n as súas redes sociais, o que os converte nos mellores embaixadores da cidade".

Cabe recordar que a terceira edición do evento literario promovido dende a Concellería de Xuventude contou coa presenza de escritores e escritoras da talla de Carmen Posadas, Ian Gibson, Carme Chaparro e Juan Tallón, que compartiron charlas con autores como Manuel Portas, J.R. de la Torre e María Solar. As súas Conversas ao Solpor encheron todos os días o espazo habilitado na Praza da II República, cun público adulto, diferente ao que tamén se dou cita nas xornadas nas que interviron Rayden, Rebeca Stones, Juan Arcones e Andrea Maceiras, autores que lograron captar a atención dos seguidores e lectores xuvenís.

Un dos aspectos no que coincidiron varios dos escritores e escritoras e que valoraron de forma moi positiva foi a posibilidade que o formato do Vilagarcía, Cidade de Libro lles ofrece de poder falar sobre os seus libros, e non só de participar en sinaturas, como acontece na inmensa maioría das feiras literarias. Ademais, tamén consideraron "moi estimulante" poder conversar con outros autores e interactuar co público mediante a quenda de preguntas que se abre ao remate de cada evento.

No que ao apartado de vendas se refire, as catro librarías locais que aceptaron o convite do Concello para dispoñer de caseta na feira amosáronse "satisfeitas" coa actividade que rexistraron a raíz dos actos e actividades organizados no marco da mostra e, especialmente, coa nova disposición na que, ao desenvolver máis actividades na Praza da II República, as casetas tiveron maior afluencia de público e de forma máis constante ao longo de todo o horario de apertura. Por parte da organización destacouse tamén coma unha nota positiva que as librarías e as editoriais participasen na creación de contidos, organizando por conta propia algunha presentación de libros e firma por parte de autores relacionados coas temáticas do día, e mesmo actividades lúdicas e concursos, como o torneo TCK de Pokémon.

Dende a Concellería de Xuventude quixeron destacar tamén a gran acollida de público que tiveron as actividades infantís. O Literatour supuxo que un cento de escolares dos centros educativos de Vilagarcía pasasen cada mañá pola feira para participar nas xincanas literarias que tiñan como obxectivo fomentar o hábito da lectura e o gusto pola literatura mediante actividades lúdicas. Con este mesmo obxectivo e tamén con moita participación contaron os espectáculos, xogos e presentacións orientadas ao público familiar e que se desenvolveron en horario de tarde no Parque Miguel Hernández.