Aprobado o proxecto da nova senda peonil entre Bamio e Carril por 335.000 euros

A Xunta executará un itinerario alternativo e segregado do tráfico rodado, que sorteará o cruce do Salgueiral creando una nova senda 
undefined

O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto de construción do novo itinerario de uso peonil entre Bamio e Carril, no concello de Vilagarcía de Arousa.

O investimento que o Goberno galego destinará a esta actuación de mellora da mobilidade peonil na intersección das estradas autonómicas PO-548 e PO-192, aproximarase aos 335.000 euros, incluíndo o pagamento dos 5 predios necesarios para impulsar estas obras.

Mediante esta nova actuación, búscase resolver a configuración da intersección entre estas dúas vías autonómicas para favorecer a seguridade e mobilidade peonil entre estes núcleos do municipio arousán e a conexión co cemiterio municipal situado na proximidade. 

A aprobación definitiva deste proxecto por parte do Goberno galego leva tamén aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar esta intervención no municipio. 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará os actos expropiatorios neste verán, para a continuación iniciar os trámites que permitan licitar e executar as obras. A actuación ten un prazo de execución de 5 meses.

Trátase de habilitar un itinerario alternativo máis seguro e segregado do tráfico rodado. Na actualidade os veciños que se desprazan a pé entre Bamio e Carril fano pola beiravía das estradas PO-548 e PO-192, sendo necesario ademais para acceder ao cemiterio de Carril cruzar a PO-548, sen que exista na actualidade ningún cruzamento seguro acondicionado para iso. A escasa beiravía dispoñible na PO-192 e o tráfico elevado que circula pola PO- 548 implica que o percorrido resulte perigoso. A senda proposta no proxecto que se aproba posibilita a conexión a pé con seguridade entre Bamio e Carril, conectando as beirarrúas existentes nos extremos. 

O percorrido aproveita un treito antigo de estrada que se acondiciona como paseo peonil, completándose a senda pola beira da PO-192 e do viario municipal da gasolineira. Deste xeito conséguese comunicar as parroquias de Bamio e Carril, dando acceso peonil ao cemiterio de Carril, considerado un foco de atracción de desprazamentos na zona. Con esta actuación, polo tanto, foméntase unha mobilidade sostible en condicións seguras.

A actuación iniciaríase onde finalizan as beirarrúas do Salgueiral, cruzándose a estrada cun paso sobreelevado para non afectar a un petróglifo existente na beiravía. A partir deste punto a senda discorrerá en paralelo á PO-192 e ao viario municipal que dá acceso á gasolineira. O percorrido proseguirá polo viario municipal ata alcanzar o paso inferior que salva a variante de Carril (VG-4.7).

Unha vez pasada a estrutura, crúzase a calzada mediante outro paso de peóns sobreelevado para dirixirse a un camiño que se acondiciona con formigón coloreado e ancho de 2 metros, protexéndose o desnivel cunha varanda metálica. A continuación, o percorrido discorrerá sobre a estrada antiga ata alcanzar a beirarrúa existente en Carril.

Para acceder ao cemiterio de Carril é necesario cruzar a PO-548, sen que exista na actualidade ningún cruzamento seguro para isto, polo que a intervención prevé un paso de peóns regulado mediante un semáforo con pulsador, ademais de complementar as escaleiras actuais cunha rampla executada mediante unha pasarela de madeira.

Ademais, para garantir a seguridade dos peóns no tránsito pola senda, a intervención complétase coa inclusión de iluminación pública: executarase un prisma con dous tubos de 63 mm con arquetas cada 100 m e báculos cada 25 m con altura 4 m.