Últimos días para inscribirse nas probas de acceso ao Conservatorio Profesional de Música

Ofértanse 22 prazas en 10 especialidades instrumentais, 11 para o Grao Elemental e outras tantas para o Profesional ▶ O prazo de matrícula nas probas remata o venres 28 de abril
Escuela de música. DP
photo_camera Escuela de música. DP

O Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía lembra que o venres, 28 de abril remata o prazo de inscrición para realizar as probas de acceso para o curso 2023/24. Nesta convocatoria ordinaria o centro dispón inicialmente de 22 prazas -11 para o primeiro curso do Grao Elemental e outras 11 para acceder ao primeiro do nivel do Profesional- a distribuír entre un total de 10 especialidades instrumentais. As especialidades ofertadas son as de Clarinete, Frauta, Guitarra, Percusión, Piano, Saxofón, Trompa, Trompeta, Violín e Violonchelo.

Os interesados en realizar as probas de acceso poden obter toda a información na páxina web do centro ou ben poden dirixirse presencialmente ás oficinas do Conservatorio, sitas no primeiro andar do Auditorio Municipal, en horario de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Tamén poden facer consultas chamando ao teléfono 986 500 916.

O número de prazas a ofertar na convocatoria ordinaria podería verse incrementado unha vez remate o proceso de matriculación interna do alumnado que xa cursa estudos no centro e se determine se quedan vacantes. Xunto a isto e tras a realización das probas de acceso, abrirase un prazo extraordinario de matriculación para acceder ás prazas dos restantes cursos de cada grao, así como para realizar traslados de e xpedientes. O prazo para este proceso irá do 29 de maio ao 2 de xuño.