A Confraría de Portonovo ve un acordo con Amigos da Dorna fóra do peirao de terceira lista

Tras a luz verde de Portos de Galicia a ceder dous amarres ás embarcacións tradicionais de Portonovo que xestiona a Asociación Amigos da Dorna, o acordo continúa pendente da xuntanza entre o colectivo e a Confraría de Pescadores
Embarcacións tradicionais, antigamente ubicadas no pantalán. ARQUIVO
photo_camera Embarcacións tradicionais, antigamente ubicadas no pantalán. ARQUIVO

Tras a luz verde de Portos de Galicia a ceder dous amarres ás embarcacións tradicionais de Portonovo que xestiona a Asociación Amigos da Dorna, o acordo continúa pendente da xuntanza entre o colectivo e a Confraría de Pescadores, que é unha das partes implicadas que terá que dar o seu consentimento para poder levar a cabo dita cesión. Neste sentido, se ben o patrón maior da Confraría, Martín Domínguez, asegurou ao ser preguntado ao respecto durante unha visita ao municipio da presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, que ve posible chegar a un acordo coa asociación, os membros da Confraría "non estamos pola labor de que amarren no pantalán de terceira lista".

Dito pantalán é o correspondente ás embarcacións de terceira lista, é dicir, as que desenvolven unha actividade de pesca con fins comerciais. "Estamos pendentes dunha reunión con eles para chegar a un acordo posible, aínda non nos reunimos, pero poderémolo facer nos vindeiros días", asegurou o patrón maior, que incidiu en que si que ve factible un entendemento entre ambos colectivos. "Chegaremos a ese acordo", asegurou.

Neste sentido, a presidenta de Portos de Galicia valorou o tema dos amarres como "prácticamente resolto", mentres que o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, quixo incidir na "importancia da labor que desenvolve a Asociación Amigos da Dorna", e destacou unha recente achega de 5.000 euros por parte da entidade de participación municipal Nauta Sanxenxo destinada ao colectivo, adicado á recuperación das embarcacións tradicionais da zona.

Tal e como recolleu este medio a principios de ano, a previsión do ente autonómico é poder ceder dous primeiros amarres antes deste verán, se ben durante a última reunión co colectivo abriuse a posibilidade de que poida dispoñer nun futuro de ata cinco, tal e como vén solicitando.

Neste sentido, dende hai arredor dunha década a Asociación Amigos da Dorna demanda apoio institucional para a creación dun museo flotante, inicialmente concebido no Peirao do Chasco, que permitiría manter a toda a frota tradicional no mar, ao alcance de veciños, veciñas e visitantes, co obxectivo de facer accesible este patrimonio da vila mariñeira.