Carmen Quinteiro, Xaime Toxo e Antón Sobral recitarán poesía na Sala Nauta

Con motivo da exposición do pintor do mar, o xoves 24 de agosto, poderá presenciarse este pequeno evento
O artista, Antón Sobral, xunto as súas obras. DP
photo_camera O artista, Antón Sobral, xunto as súas obras. DP

Tres voces serán as que reciten os seus poemas na Sala Nauta de Sanxenxo por motivo da exposición do artista do mar, Antón Sobral o próximo xoves 24 de agosto. Carmen Quinteiro, de Pontevedra, mestra de educación infantil e primaria estará disposta a mostrar os seus escritos. Comezou no ano 2008 a escribir, primeiro como desafogo vital e logo por pura satisfacción. Dende o 2009 participa en talleres e obradoiros e no 2010 convértese en alumna da Escuela de Escritores de Madrid en distintos cursos de microrrelato, relato curto e poesía. 

A voz do poeta e escritor de relatos de Bueu, Xaime Toxo, tamén estará o xoves na Sala Nauta. Este pedagogo e mestre especialista en Cegueira e BaixaVisión, que forma parte do Equipo de Intervención Pedagóxica en Cegueira, Baixa Visión e  Orientación Escolar da O.N.C.E na provincia de Pontevedra, publicou libros na editorial Xerais e en Ancoradouro, ademais de coleccionar distintos premios. Sempre xunto a Antón Sobral, con quen ten ata un libro, Caderno do Mar. Do pintor séntese irmán, co que viaxa "por derrotas sen rumbo". 

Por último, o pintor do mar de Marín e de Galicia tamén estará disposto a recitar os seus poemas. Antón Sobral, artista e activista cultural, ten realizado máis de duascentas mostras en todo o mundo e agora chega a Sanxenxo, para ensinar os seus cadros e tamén a súa obra escrita. Pois ten publicados dous libros de poemas: Baila Conmigo Ata o Final do Amor e Na Noite que Treme. Durante nove anos coordinou o festival de poesía máis importante de Galicia, Pontepoetica.