A Deputación inviste 727.000 euros nas instalacións deportivas do Salnés

O presidente provincial presentou a alcaldes e concelleiros dos 17 concellos desta comarca e Caldas os proxectos que financiará o ente provincial a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
O presidente da Deputación, Luis López, xunto ao alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, e a vicepresidenta e responsable de Deportes, Luisa Sánchez. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O presidente da Deputación, Luis López, durante a súa intervención no colexio Conmeniño do Grove. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosou a súa satisfacción polos froitos que está a dar a aplicación do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas no territorio. O mandatario provincial informou este xoves no Grove dos proxectos que se executarán nos concellos das comarcas do Salnés e Caldas e que supoñen un investimento de case 2 millóns de euros da Deputación en 17 concellos. “O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas é un perfecto reflexo do fondo e das formas deste goberno. Do fondo, porque cremos en que os concellos non só comparten senón que canalizan as nosas prioridades, como a modernización dos equipamentos deportivos e o fomento de hábitos de vida saudable. E das formas, porque este Plan naceu escoitando aos alcaldes, desenvolveuse atendendo ás solicitudes dos alcaldes e executarase grazas ao compromiso dos alcaldes”, explicou o presidente López, que estivo acompañado pola vicepresidenta e responsable de Deportes, Luisa Sánchez.

O acto, ao que asistiron alcaldes e concelleiros de todos os concellos destas comarcas, tivo lugar no pavillón do colexio Conmeniño do Grove, unha infraestrutura que será renovada ao 100% con fondos do ente provincial correspondentes ao Plan de Infraestruturas Deportivas, 74.000 euros; e do +Provincia, cunha subvención de 241.000 euros que será aprobada este venres pola Xunta de Goberno da Deputación. Non é a única liña de colaboración en materia deportiva entre a Deputación e o Concello do Grove, pois xa está asinado un convenio ao abeiro do programa PON2030 para crear nas Bizocas, en San Vicente, unha zona de calistenia, unha pista de baloncesto, unha pista polideportiva cuberta e un parque biosaudable, entre outras melloras, cunha achega de 743.000 euros por parte da Deputación. “Só no Grove estamos a investir máis dun millón de euros en infraestruturas deportivas”, subliñou López. 

Pola súa banda, a vicepresidenta Luisa Sánchez, que se encargou de abrir este acto de presentación dos proxectos, explicou os obxectivos deste plan provincia. “Os grandes investimentos que imos impulsar nas comarcas do Salnés e de Caldas transformarán como nunca antes se fixera as infraestruturas deportivas municipais desta terra. Esta transformación será e xa está sendo posible grazas ao Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dotado con 4 millóns de euros. Un amplísimo programa para construír novas instalacións, mellorar as existentes, adquirir terreos para uso deportivo ou mercar materiais e equipamentos para modernizar estes espazos”, detallou Sánchez. 

Antes de definir polo miúdo os proxectos aprobados en cada un dos concellos, o titular do goberno provincial puntualizou que, grazas a este plan, investirase máis do 25 % do orzamento deste plan nas comarcas do Salnés e Caldas. A primeira recibirá un total de 727.000 euros a repartir entre os municipios de O Grove, Cambados, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Os investimentos en infraestruturas deportivas do Salnés e Caldas, desglosado. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Os investimentos en infraestruturas deportivas do Salnés e Caldas, desglosado. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello máis beneficiado por este plan provincial é o de Vilagarcía de Arousa, que recibirá un total de 206.000 euros para financiar o 100 % de tres proxectos: A renovación do céspede artificial de Berdón (176.300 euros), a instalación dun videomarcador na Lomba (22.000 euros) e o subministro de 540 butacas para o pavillón de Fontecarmoa (7.800 euros). Nesta comarca do Salnés, Sanxenxo recibirá 108.000 euros para o acondicionamento do campo de fútbol de Noalla; Meaño, 46.400 euros para realizar obras na piscina de Dena; A Illa de Arousa, 44.400 euros para mellorar a iluminación no campo de fútbol de Testos e adquirir material para o pavillón municipal; Meis, 43.700 euros para acondicionar os vestiarios do campo de fútbol da Armenteira; e Ribadumia, 46.000 euros para axudar a renovar o céspede artificial da Bouza.

O +Provincia complementa os investimentos

Con todo, a conxugación do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e do +Provincia permite a diversos concellos destas comarcas empregar fondos provinciais para executar obras de gran calado. É o caso do Grove, pero tamén de Cambados, que recibe 110.000 euros, de 887.800 euros do PEID e 22.000 euros do +Provincia, para substituír a cuberta do pavillón do Pombal. Mentres que en Vilanova de Arousa renovarase o céspede artificial do campo de fútbol das Chans, en Ponte Arnelas, cun investimento de 279.500 euros, dos que 70.800 euros proceden do PEID e 208.640 euros do +Provincia.