O sector vitivinícola abarca o 20% dos produtos con selo Galicia Calidade

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou este sábado as instalacións das adegas Terra de Asorei, en Meis
 
Visita a Terra Asorei este sábado. DS
photo_camera Visita a Terra Asorei este sábado. DS

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, salientou este sábado que o 20 por cento dos produtos acreditados coa marca Galicia Calidade pertencen ao sector vitivinícola, con 22 adegas e máis de 170 viños das cinco denominacións de orixe galegas acreditados con este selo.

Lorenzana puxo en valor estas cifras nunha visita que realizou ás instalacións da empresa Terra de Asorei, unha agrupación de seis adegas familiares con 60 hectáreas de viñedos propios no Val do Salnés que comercializa os seus albariños en máis dunha vintena de países. Foille outorgada a certificación de Galicia Calidade no ano 2016 e, segundo a conselleira, é un exemplo de empresa familiar que aposta pola calidade, a sustentabilidade e a internacionalización.

A titular de Economía, Industria e Innovación referiuse aos datos positivos que están acadando as empresas do sector que levan este selo de garantía. Así, sinalou que teñen rexistrado un incremento da facturación entre 2019 e 2022 do 5,4 por cento. Tamén, un constante crecemento no mercado exterior, cunha suba do 23 por cento das exportacións desde 2020.

Trátase dun bo comportamento a nivel de emprego que, no período 2021-2022 incrementouse un 7,9 por cento. Neste sentido, Galicia é un referente no sector do viño, con preto de 500 adegas nas que traballan máis de 10.000 viticultores e que xeran un valor económico de 230 M€ ao ano. A vendima do 2023 foi, de feito, a máis abundante da última década,  cunha colleita de 77,3 millóns de quilos de uva.

Ao respecto, Lorenzana lembrou que a Xunta de Galicia, a través do Igape, puxo en marcha o pasado ano unha liña de financiamento por importe de máis de 2 M€ para facilitar o acceso a crédito ás adegas acollidas ás cinco denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, e paliar o encarecemento do custo da adquisición de uva na campaña de 2023.