Meis recibirá 5.700 euros para mellorar a contorna comercial con aparcamentos accesibles

A actuación, enmarcada no proxecto Da túa man (rural II) impulsada pola Deputación, conta cun orzamento total de case 50.000 euros para 9 concellos da provincia
 
Luis López e Marta Giráldez asinando en Meis o convenio de colaboración do PON203. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Luis López e Marta Giráldez asinando en Meis o convenio de colaboración do PON203. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Deputación de Pontevedra vai contratar a instalación de prazas de aparcamento reservadas e accesibles e xardineiras na contorna comercial do concello de Meis cun orzamento de 5.761 euros ao abeiro do proxecto Da túa man (rural II), o programa de apoio á actividade comercial a hostaleira local do rural da provincia. A iniciativa busca asegurar que os municipios conten con estacionamentos específicos para persoas con discapacidade, debidamente sinalizados e co tamaño adecuado. Ademais, contemplase embelecer a zona comercial con xardineiras, o que axudará ás persoas con discapacidade visual a orientarse na área. En concreto, no concello de Meis dotarase de accesibilidade a unha das prazas de aparcamento en liña existentes na avenida de Cambados, concretamente á altura da intersección coa rúa Ramón Cabanillas, e incluiranse seis xardineiras nas inmediacións de dita praza para delimitar e embelecer a zona comercial.

Da túa man (rural II), dotado con 500.000 euros e financiado cos fondos Next Generation, busca visibilizar e modernizar ao pequeno comercio e á hostalería local adaptándoo aos novos hábitos de consumo a través da implantación e uso das novas tecnoloxías e o desenvolvemento de prácticas que promovan a economía circular, así como unha mellora no acondicionamento dos espazos que sirva para ofrecer un servizo óptimo á poboación local e de foco de atracción de visitantes. Así mesmo, preténdese crear vínculos en toda a cadea de valor do comercio local e o produto de km 0.