O PSdeG pon a Meis como exemplo do maltrato aos concellos: "Somos a escombreira da Xunta"

 Marta Giráldez e Julio Torrado afirman que Besteiro “sabe o que é xestionar mirando á cara á xente” e que cando sexa presidente escoitará aos alcaldes e alcaldesas
 
Marta Giráldez e Julio Torrado, acompañados por integrantes do Goberno local, visitando a finca no lugar de Pazo, en Meis. DS
photo_camera Marta Giráldez e Julio Torrado, xunto a integrantes do Goberno local, visitando a finca no lugar de Pazo. DS

O Concello de Meis é un exemplo claro do maltrato da Xunta de Galicia ao municipalismo. Iso é o que pensan os representantes do PSdeG, que engaden que a parte de non atender as demandas para a mellora dos servizos públicos dependentes da Administración autonómica, está sendo utilizado literalmente como “escombreira” polo Goberno galego. A alcaldesa do municipio, Marta Giráldez, e o candidato número 4 da lista socialista ás Eleccións do próximo día 18, Julio Torrado, visitaron a finca propiedade da Xunta no lugar de Pazo (Santo Tomé de Nogueira) que se utiliza como vertedoiro de entullos dende hai unha década. Á visita asistiron tamén integrantes do Goberno local.

A finca foi expropiada hai unha década durante as obras do no de Curro. Dende entón foi valado e pechado cunha cancela, situada no camiño de acceso. Por alí acceden case diariamente camións con vertidos de residuos procedentes das obras públicas da Xunta, explican os socialistas. "O abandono é total e a finca está repleta de maleza e todo tipo de lixo".

Giráldez lamenta que xa se enviaron ducias de avisos á Xunta de Galicia “que nin escoita nin atende”. “Isto é a Xunta de Galicia, o desprezo, a falta de respecto institucional e o abandono”. O pasado mes de decembro recibiu o compromiso de limpala por parte do delegado da Xunta, pero dende entón, "nada".

A alcaldesa e o candidato recalcaron que a partir do próximo día 18 haberá en Santiago un presidente que atenderá aos alcaldes e alcaldesas de toda Galicia, con independencia da súa cor política, e que porá fin a situacións tan intolerables como esta. “Besteiro, que vén do mundo local e sabe o que é xestionar mirándolle á cara á veciñanza, vai ser o presidente que porá fin a este maltrato aos concellos”, rematou Giráldez.