VIDA SALNÉS

Lucas Míguez: “A liberdade de facer o que queira”

Obras como o Ramón Cabanillas de Cambados ou as personaxes de Ramón María del Valle-Inclán marcan a vida profesional deste escultor referente do Salnés
photo_camera Obras como o Ramón Cabanillas de Cambados ou as personaxes de Ramón María del Valle-Inclán marcan a vida profesional deste escultor referente do Salnés 
A miña historia
“A vida é un estado de ser. Vivir é un tránsito. Unha proba que nos fan. E ás veces non todo depende de nós. Eu tiven a gran sorte de ter tres profesores extraordinarios. Os tres analfabetos. O Ferreiro, o tío José, o tío Genio e outro tío Cecilio. Unha vez o tío Genio chamou por min e deu unha cunca de tinto, con mel e auga, e díxome: ‘hai homes que viven pra morrer e hai homes que morren pra seguir vivindo, enténdelo? Xa o entenderás!’. Eu tería 7 ou 8 anos daquela”. E a vida, di Lucas Míguez, encargouse de levalo por camiños nos que moitas veces tivo que lembrar as frases e os consellos dos seus tíos os sabios: “Pasei fame, miseria, tiven que roubar dúas veces para poder comer.” Pero a súa vida cambiaría cando entra a traballar para unha multinacional da cerámica que o convirte nunha especie de nómada artístico: China, Xapón, Malasia, Tailandia, Estados Unidos e México é a ruta vital e profesional de Míguez. Unha viaxe no que o acompaña a súa compañeira de vida, Susana Wang, coa que leva máis de 50 anos casado e con quen comparte ás “dúas persoas máis importantes da miña vida: a miña filla Talía, que é fotógrafa, e o meu fillo Iván que traballa para unha empresa de restaurantes en Shanghai.”

Míguez nace en Mos, a carón de Vigo, estuda na Escola de Belas Artes de Valencia e finaliza estudos na Escola de Belas Artes de San Fernando en Madrid. “Pero mentres estaba en Santiago ía a clases na escola Mestre Mateo e alí coñecín a quen foi o meu profesor, Francisco Asorey. El foi o meu profesor de escultura.” Co tempo, e para conmemorar o 50 aniversario da morte de Asorey, o concello de Cambados encargaríalle a Míguez unha escultura do mestre para ubicala Paseo da Calzada. Desde o seu regreso a Galicia, co inicio do século XXI, Míguez reside no Salnés e desde aquí contribúe con esculturas que son parte da memoria cultural da comarca, como a do poeta Ramón Cabanillas, diante do concello de Cambados, ou o conxunto escultórico en bronce de personaxes de Ramón María del Valle-Inclán en Vilanova de Arousa (Max Estrella, Don Latino, Mari-Gaila, o Marqués de Bradomín, o Príncipe Verdemar, Lucero), ou a escultura “As mans do mar de Arousa” no concello da Illa de Arousa. 

 

O final da túa vida profesional é Estados Unidos?
Vivia en Eagle Pass (Texas) pero traballaba en México. Meus fillos o bachalerato fixérono en español en Piedras Negras, México. Logo comprei unha casa en Piedras Negras e xa estiven alí vivindo. E logo vínme para aquí. Estiven en Cambados vivindo nunha casa de aluguer mentres arranxaba a casa (en Meis) porque eu herdei unha parte diso e comprei sete partes máis a meus primos e irmáns. 

E a muller adaptouse?
Si, cando eu regresei de África (do servizo militar) e ela regresou de Taiwán vivimos en Vigo dous anos e pico. Estiven traballando alí e logo xa marchei para China e alí botei cinco anos en Taipei. Alí empecei cunha compañía chinesa de arquitectura. Eu, despois de acabar Belas Artes fixen arquitectura e sempre me interesou a parte creativa, pero eu non son para números nin cálculos. Eu era analfabeto en chino. Podo falalo, pero non sei nin lelo nin escribilo. Botei uns anos alá e logo na compañía fixeron unha fábrica en Malasia e alá fun, despois Tailandia, logo México e alí xa quedei máis firme porque a compañía de México era a que máis producía porcelana e cerámica basicamente. 

Por que decides regresar a Galicia?
Teño morriña, teño saudade. Tamén tiña de Taiwán. Pero cando morreu meu pai ían vender esa finca. Pagueille a meu irmán e aos primos e quedeime coa finca. E xa levaba uns anos que comprara aquí cando morreu o vello dono da fábrica. E as cousas xa non eran igual na empresa. Voltei para atoparme co que forma parte de min mesmo. Alá fixen moita obra, no Capitolio de Texas, en Austin, unha das últimas pezas que fixen foi “os caídos na guerra de Vietnam.” Aínda que era do meu compañeiro que conseguiu o choio: el firmaba, pero eu fíxena. E fixen bastantes pezas grandes por alá. Pero chegou un momento que odiaba a escultura. Non traballas por sentimento, non traballas por amor, traballas porque tes que gañar cartos e eu levaba unha vida economicamente de marqués.

 

Entón hai algo máis importante que os cartos?
A liberdade de poder facer o que queira. Non son unha persoa dócil, que acata as decisións dos outros facilmente porque son moi reflexivo, ás veces, demasiado. Aquí sentínme libre, e se gaño un pataco ben e se o perdo non pasa nada. Os cartos non serven para nada máis que para crear problemas. 

Unha peza da que te sintas orgulloso?
No ano 1980 fixen unha peza para a capela do Colexio do Sagrado Corazón de Pontevedra e case apláudome a min mesmo. 

Unha peza que te emocione?
Hai unha peza que me emociona no cemiterio de Sevilla: “O enterro de Joselito” de Mariano Benlliure.

Como ves á xente do Salnés?
Eu cheguei aquí ilusionado e atopei que hoxendia Galicia perdeu uns valores incribles que tiña: a palabra da xente. O respecto. Os principios. Penso que Galicia perdeu en valores, en sentir incluso. Era máis solidaria, máis pura. Pero ségueme gustando isto. 

Se fixeras a escultura de Lucas Míguez, como sería?
Eu penso que son o meu ideal de ser. O Quixote. Sinto que é mais bonito soñar que vivir a realidade. Sei ser amigo. Se alguén é meu amigo, é meu amigo ata morrer, aínda que non vaia o enterro. Que non vou. Se o sinto, síntoo. Tal vez sexa demasiado sentimental. Que son inconformista? Si, moito. 

Algún momento difícil?
Ver a fame que pasaban os rapaces durante a miña infancia. O peor da miña vida tocoume no Sáhara, no servizo militar. A maioría do tempo en tropas nómadas como francotirador. Foi horrible, fame, miseria. Era unha guerra calada. Aquí en España ninguén sabía o que pasaba alí. 

Como empezas unha obra?
Deixarte ir, soñar un pouco. 

Abstracto ou figurativo?
A abstración non che vou dicir que cada día faga menos, senón que cada día estou máis ocupado en facer cousas figurativas. 

Caso Monchiña e Floreano?
Personaxes de cómic dun gran amigo, o humorista gráfico Gogue a quen xa lle fixen tres pezas: os dous Floreanos que están no Grove e a Monchiña en Cambados. Con Gogue identifícome, nunca tiven un problema ou un punto de vista diferente.  

Un escultor?
Penso que Miguel Angel porque é un home que abarcou todo. E vouche dicir un de aqui que é o español Mariano Benlliure.

TEST DE VIDA 

Unha palabra? 
Amor. 
Un lugar? 
Miña casa. San Salvador de Meis.
Unha persoa? 
Jesucristo.
Unha personaxe? 
Don Quixote. 
Alguén importante? 
Meus fillos.   
Unha cousa? Unha ferramenta? 
Palilllos de modelar. O pauciño, a ferramenta que usamos. 
Alguén imprescindible? 
Neste momento diría a miña muller, Susana Wang. 
Que é a vida? 
Antesala de la nada esta vida me parece (dunha poesía que escribín). A Santa Compaña estache dicindo que uns están no Purgatorio. Uns van coas huríes, os que cren en Alá, outros “a la diestra de Dios Padre.” Non sei. Cando chegue alá xa cho contarei.