O CPI de Mosteiro acolle a proxección do documental sobre Domingo Fontán

A rapazada de 3º e 4º asistiu tamén a unha charla coloquio no que coñeceron a “un dos científicos máis relevantes da historia de Galicia” 
A rapazada do CPI Mosteiro coñeceu a vida do matemático e xeógrafo Domingo Fontán. DS
photo_camera A rapazada coñeceu a vida do matemático e xeógrafo Domingo Fontán. DS

O CPI Mosteiro-Meis acolleu este martes unha nova xornada da proxección do documental Fontán, o primeiro rostro de Galicia sobre o matemático e xeógrafo Domingo Fontán (Portas, 1788-Cuntis, 1866) e a primeira carta xeográfica galega feita por el. Trátase dunha actividade impulsada polo departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra que pretende achegar aos centros educativos un dos científicos máis relevantes da historia de Galicia.

A peza audiovisual convida a facer un percorrido pola historia e a orografía galega, incluíndo entrevistas de especialistas e nocións sinxelas de matemáticas e xeografía, o que a converte nunha ferramenta didáctica atractiva e multidisciplinar. 

A proxección estivo acompañada dunha introdución e un coloquio posterior, a cargo de parte do equipo realizador (Kaito Estudios). Desta maneira o alumnado, que en Meis estuvo formado por dúas clases (3º e 4º), coñeceu a vida do matemático e xeógrafo Domingo Fontán, un dos máis grandes homes que deu Galicia, e reflexionou sobre a importancia do seu Mapa Cartógráfico de Galicia, o primeiro de España realizado con metodoloxía científica e coa tecnoloxía do século XIX, durante 17 anos da súa vida. Coñeceron tamén instrumental para medir distancias e ángulos, similar ó de Fontán co fin de comparalo co que existe na actualidade.