A Axencia Galega de Infraestruturas xestionará a construcción do centro de saúde

O Diario Oficial de Galicia publicou o luns esta encomenda de xestión que dispón que será este ente dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o encargado de licitar os contratos de proxecto e obra deste novo centro
Visita a la finca en la que se levantará el nuevo centro de salud de Meis. GONZALO GARCÍA
photo_camera Visita a la finca en la que se levantará el nuevo centro de salud de Meis. GONZALO GARCÍA

O Diario Oficial de Galicia publicou este luns a encomenda de xestión da Consellería de Sanidade á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), para a xestión das actuacións en relación coa redacción do proxecto e a execución das obras de construción do novo centro de saúde de Meis.

Esta encomenda supón o encargo a este ente público, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da realización dos actos e negocios xurídicos propios da preparación, selección de contratista, adxudicación e execución dos contratos que sexan precisos para o cumprimento do obxecto da encomenda, e concretamente os de redacción de proxecto, obra, dirección da obra, dirección de execución material e coordinación de seguridade e saúde. A AXI deberá tamén supervisar a súa execución e adoptar as decisións e ditar as instrucións necesarias co fin de asegurar a correcta realización da prestación pactada.

O resultado da prestación destes contratos debe ser, tal e como se fixou no convenio asinado entre a Xunta e o Concello de Meis o 11 de outubro de 2022, a construción dun novo centro de saúde de 972 m2 que substituirá ás actuais instalacións sanitarias, empregadas durante os últimos 30 anos, e que dispón dun plan funcional que contempla seis consultas de adultos, unha sala polivalente, unha de toma de mostras; área pediátrica con dúas consultas e área da muller cunha consulta de matrona e sala de educación sanitaria. 

O dito convenio incluía, como obrigas para o Concello de Meis, a cesión patrimonial libre de cargas e gravames e coa clasificación de uso sanitario da parcela acordada entre ambas administracións. Esta cesión foi completada trala súa aceptación polo Consello da Xunta na súa reunión de 23 de febreiro deste mesmo ano.