A Deputación destina 500.000 euros para gasto corrente en tres concellos comarcais

Xunta de goberno da Deputación de Pontevedra celebrada este venres. DS
As axudas, que chegarán aos municipios de Vilagarcía, Vilanova e Ribadumia, servirán ademáis para impulsar investimentos e contratar a oito persoas

A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar preto de 500.000 euros para que tres concellos de O Salnés impulsen novos investimentos, afronten gasto corrente e contraten a 8 persoas ao abeiro das tres primeiras liñas do Plan +Provincia. En concreto, benefícianse destes recursos Ribadumia, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. O presidente provincial, Luis López, asegurou que o goberno provincial segue “tendendo pontes cos concellos e avanzando no reparto de fondos do Plan +Provincia: este ano xa aprobamos preto de 18 millóns para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes”.

No marco da liña 1 de investimentos, a Xunta de Goberno aprobou que Vilagarcía disporá de 310.000 euros para investir en dous proxectos: por unha banda, 214.220 euros para a mellora de acceso ao Piñeiro pola rúa Wenceselao Fernández Flórez; e, pola outra, 95.787 euros para a ampliación da rede de saneamento e de abastecemento nun tramo do Camiño da Regueira en Fontecarmoa.

No caso da liña 2, de gasto corrente, o presidente provincial informou que a Xunta de Goberno acaba de aprobar 71.782 euros para Vilanova de Arousa, que se repartirán entre a Festa do Momo (21.371 €), Sonatas de verán (21.371 €) e para a promoción de actos culturais do Concello (296.040 €).

Por último, ao abeiro da liña 3, de activación de emprego, a institución provincial aproba esta semana 117.774 euros para que Ribadumia contrate a oito traballadores. En concreto, serán tres peóns de obras públicas, dous mozos de recollida do lixo, un oficial albanel, un monitor de ocio e tempo libre e un técnico de urbanismo.