O alcalde e o Conselleiro de Sanidade analizan a cobertura da Atención Primaria da Illa

Reunión entre Julio Comesaña e Carlos Iglesias no Hospital do Salnés. CEDIDA
Julio García Comesaña mantivo no Hospital do Salnés unha xuntanza técnica co rexedor Carlos Iglesias Cores, acompañados polo xerente da Àrea Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias e pola directora do Distrito Sanitario de O Salnés, María Gómez-Reino

O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, mantivo esta mañá  de martes no Hospital do Salnés unha xuntanza técnica co rexedor do Concello de A Illa de Arousa, Carlos Iglesias Cores na que, acompañados polo xerente da Àrea Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias e pola directora do Distrito Sanitario de O Salnés, María Gómez-Reino, analizaron a cobertura de Atención Primaria nesta localidade

O conselleiro de Sanidade sinalou ao rexedor arousán que, tras efectuar xestións organizativas, a Administración Sanitaria Pública galega foi quen de manter a totalidade de efectivos asistenciais para acadar a cobertura sanitaria de Atención Primaria do Concello de A Illa de Arousa tanto na atención de Medicina de Familia coma en Pediatría.

Cómpre sinalar que o centro de saúde da Illa de Arousa presta cobertura a un total de 4.603 tarxetas sanitarias, das que 465 son de menores de 15 anos. A poboación deste Concello reduciuse gradualmente nun 5,5% nos últimos dez anos. 

Modernización das infraestruturas en Atención Primaria en A Illa de Arousa

No transcurso desta xuntanza técnica lembrouse así mesmo a mellora e modernización das infraestruturas en Atención Primaria en A Illa de Arousa, que foron unha prioridade para a Xunta de Galicia en colaboración co Consistorio arousán. Deste xeito, se traballou para poñer á disposición da cidadanía unha infraestrutura modernizada, con capacidade de resolución asistencial, de alto nivel de calidade e no lugar máis próximo aos pacientes. 

Entre mellora e ampliación, tras as obras executadas pola Xunta de Galicia en A Illa de Arousa, a superficie do seu centro de saúde pasou dos 402 metros cadrados ata acadar os 532 metros cadrados, o que supuxo unha ampliación do 28%.