O sistema dunar da praia de Espiñeiro gozará de maior protección

O Goberno local solicita unha achega de 40.000 euros ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta para a execución dos traballos de valado no entorno
Praia de Espiñeiro en A Illa de Arousa. CEDIDA
photo_camera Praia de Espiñeiro. CEDIDA

O sistema dunar da praia de Espiñeiro terá unha maior protección grazas a un sistema de valado similiar ao xa instalado na praia de Barbafeita e noutros entornos similares, tal e como solicitou o Concello de A Illa.

Para a execución desta nova intervención o Goberno local solicitou xa ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta unha achega de 40.000 euros que o Concello complementará con fondos propios ata cubrir a totalidade do investimento necesario. Trátase dun entorno degradado no que o ente local quere actuar con premura para frear os efectos nocivos sobre medio.

Tanto Luis Arosa, concelleiro de Servizos, como Gabriele von Hundelshausen, edil de Medio Ambiente coinciden en que a protección das dunas, barreira natural contra o embate do mar na costa, algo particularmente importante para unha illa.

Nos últimos anos leváronse a cabo actuacións para a súa protección ao longo de toda a costa insular, o que inclúe a instalación de barreiras, sinalizacións, apertura de camiños alternativos e a instalación de pasarelas elevadas para evitar a degradación dos areais. O obxectivo é protexer o ecosistema das dunas, que se ve danado polo tránsito de persoas que se produce nas zonas de praia, en especial nos meses de verán, acoutando o areal de maneira que apenas sexa accesíbel a través dos pasos habilitados mediante pasarelas de madeira.

A actuación na praia de Espiñeira completará a finalizada recentemente en Barbafeita. Luis Arosa recorda que o goberno local leva máis de cinco anos desenvolvendo pequenas actuacións de protección do entorno natural co respaldo de outras administracións e financiadas a través de fondos de compensación.

O goberno local comezou estes traballos do parque do Carreirón, en Area de Secada e en diferentes puntos concretos do Bao delimitando sendeiros que marquen aos viandantes os tramos que son accesibles e, sobre todo, que delimiten os espazos dunares que acusaban un alto grado de deterioro. “A recuperación xa é visible, ao igual que parte da flora autóctona que contribúe a fixar a area”, apunta Luis Arosa, consciente de que ainda queda moito traballo por diante.

O alcaldable Confía en contar coa colaboración autonómica para valar Espiñeiro e avanzar no traballo “por un entorno sostible. Son moitas as persoas que visitan a Arousa durante todo o ano atraídas por un medio natural singular e temos que incidir na necesidade de respectar as dunas para garantir a súa conservación”.