Cambados vive unha nova edición da Feira de Oportunidades

Este venres 11 de agosto, sábado 12 e domingo 13, o paseo cambadés da Calzada reúne a 27 comerciantes que expoñen os seus productos con interesantes promocións
WhatsApp Image 2023-08-11 at 13.12.33 (1) (2)
photo_camera O alcalde de Cambados, Samuel Lago, o presidente de Zona Centro, Juan Rey, o deputado provincial, Javier Tourís e o Concelleiro de Comercio, Tino Cordal na nova edición da Feira de Oportunidades de Cambados. DS

Cambados volve a estar de celebración e unha gran afluencia no seu paseo da Calzada. Esta vez a festividade ven da man dunha nova edición da Feira de Oportunidades onde os comerciantes locais e da contorna expoñen os seus productos. Cara o medio día deste venres 11 de agosto, o alcalde cambadés, Samuel Lago, asistiu ao acto e afirmou que "é unha feira que xa está consolidada e que leva moitos anos en funcionamento".

Detrás da nova edición da Feira de Oportunidades de Camabados están a Deputación de Pontevedra e a Zona Centro. Celébrase durante esta segunda fin de semana de agosto e nela, 27 comercios da zona reúnen e expoñen os mellores descontos e promocións.

"Estamos vendo que hai un montón de ambiente e que as promocións están funcionando", afirma o presidente de Zona Centro, Juan Rey, que tamén asistiu ao acto. Engadiu, ademais, que coa feira preténdese reducir os produtos de stock que albergan calidade pero que aínda non se venderon.

Polo seu lado, o deputado provincial, Javier Tourís, que tamén acompañou ao resto de autoridades, puxo en valor o peso que supón o comercio da zona para a economía local. A esas palabras do deputado provincial sumouse o apoio do Concelleiro de Comercio, Tino Cordal.