Ana Pastor destaca a importancia do sector mar-industria galego en Cambados

Os candidatos ao Congreso e ao Senado Ana Pastor, Pedro Puy e Sabela Fole participaron este mércores no encontro 'Conservación e usos do litoral', onde pediron o voto para Feijóo

Os candidatos do PP no encontro de Conservación e uso do litoral. DS.
photo_camera Os candidatos do PP no encontro de Conservación e uso do litoral. DS.

O Partido Popular reuniu durante a mañá deste mércores en Cambados a representantes do sector mar-industria no encontro Conservación e usos do litoral, no que participaron os candidatos ao Congreso e ao Senado, Ana Pastor, Pedro Puy e Sabela Fole, e a secretaria xeral técnica de Medio Ambiente do Goberno galego, Carmen Bouso, e onde apostaron polo equilibrio entre a actividade económica no litoral e a protección medioambiental.

A candidata número un ao Congreso por Pontevedra valorou o esforzo da Xunta co sector mar-industria, asegurando que se trata do: "mesmo compromiso que terá Núñez Feijóo no Goberno de España. Ninguén lle ten que explicar a súa importancia para a nosa provincia e para Galicia". Ademais, Pastor reivindicou o compromiso de Feijóo para "modificar a lexislación e dar maior seguridade xurídica". 

Segundo Ana Pastor "o Goberno galego aprobou unha lei moi importante para o sector, que preserva o medio ambiente e que fai compatible que un sector tan importante para a economía e o desenvolvemento da provincia e de Galicia poida continuar desenvolveldo a súa actividade". Así, a candidata pediu o voto para o próximo domingo 23 de xullo a Núñez Feijóó e comprometeuse co sector: "Tedes o noso apoio á cadea mar-industrial, ao sector pesqueiro, a todas as persoas que fixestes posible que sexamos referencia. Para nós sodes moi importantes, e por iso unha das primeiras medidas que tomará o candidato á presidencia será baixar o IVE das conservas e do peixe. É clave e fundamental porque o sector ten que seguir crecendo e gañar competitividade". 

Por outro lado, Sabela Fole, recalcou a importancia que ten o sector para a economía e o emprego da comerca e da provincia e declarou que desde o Partido Popular: "Volvemos a amosar o noso apoio ao sector e á cadea mar-industria". Ademais denunciou "o problema que xerou a Lei de Cambio Climático" e as modificacións no dominio público marítimo-terrestre: "Sánchez demostrou que descoñece a idiosincrasia da nosa costa, que non ten nin idea do que acontece en Galicia nin cal é a rrelación entre os galegos e o mar. Un descoñecemento que comprometeu o futuro e a viabilidade de moitas empresas e moitos postos de traballo", dixo.