A Xunta ve viable o adianto da campaña da mexilla se así o avalan os informes
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, abriu onte a porta á posibilidade dun adianto da campaña de recollida da mexilla durante unha visita ao Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) en Corón, (Vilanova de Arousa), onde quixo destacar o traballo deste centro de investigación e outros coma o Intecmar ou o Cetmar á hora de abordar tomas de decisións.
Precisamente, os datos aportados polo CIMA e outros organismos científicos permitiron valorar a viabilidade do adianto da campaña, decisión que, recoñeceu o conselleiro, está sobre a mesa, pero que en todo caso dependerá dos datos.
Na visita ao CIMA, o titular de Mar estivo acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e exerceu como anfitrión o director do centro, Carlos Gabín, quen aportou a visión científica. O investigador espuxo que o control de máis de 600 puntos de mostraxe realizado polo equipo do CIMA e os da Fundación Cetmar permitiron concretar que existe abundancia de mexilla, con áreas onde a cobertura se sitúa no 80-90%. Gabín recoñeceu que os datos de Intecmar e a Universidade de Vigo posibilitaron constatar unha actividade reprodutora continua no que vai de ano que podería vir motivada polas condicións climatolóxicas.
Os bateeiros tamén apreciaron maiores desoves e agora presencia de semente nas rochas, o que leva a que demanden poder comezar canto antes a súa recolección. Pola súa banda, Alfonso Villares recoñeceu que "é o que estamos a valorar, falando co sector e cos expertos do CIMA e outros organismos científicos para fundamentar, en base a todos os datos que hai, as decisións a tomar". Así, o conselleiro asegurou que "o obxectivo é transmitir que tanto Administración como o sector estamos do mesmo lado". Precisamente, nestas roldas de contactos aspira a que se traballe para acadar un plan da mexilla "que sexa consensuado entre todos e baseado en datos técnicos e científicos, obxectivos e que se poidan medir".
Alfonso Villares visitou o CIMA de Corón a mesma semana en que a Axencia Galega de Innovación (GAIN) presentaba neste mesmo lugar os resultados dun proxecto pioneiro a nivel mundial para mapear as rías galega utilizando vehículos aéreos non tripulados e intelixencia artificial. Os modernos medios e a tecnoloxía utilizada foron aplaudidos polo conselleiro, quen destacou tamén o obxectivo da iniciativa, que é elaborar unha plataforma de datos históricos co obxectivo de coñecer con detalle onde está e como é a mexilla coa que os bateeiros deben nutrir as súas cordas.
Situación do libre marisqueo
A preguntas dos xornalistas Alfonso Villares recoñeceu que está sendo un ano atípico en zonas marisqueiras de Galicia onde hai dificultades para o crecemento dos bivalvos. Mostrou a súa intención de potenciar os contactos que xa existen entre a Consellería e os afectados e abordar as medidas que se deben tomar, pero sempre seguindo o criterio antes exposto para a miticultura: debe haber consenso e estar a ciencia de por medio.
"Imos poñer ao dispor do sector máis ciencia e máis investigación, intentar ter máis datos e coñecemento da situación e, a partir de aí, tomar a mellor decisión para todos", dixo. Porque o obxectivo para o titular de Mar é claro: "á xente que vive do marisqueo ten que irlle ben, porque si lle vai ben a eles iralle ben a Galicia". Para a Xunta de Galicia “é fundamental que o sector funcione", concluíu.