A Xunta suma 400.000 euros ao investimento no Mercado de Vilanova

Con este convenio o Goberno autonómico achega 399.997 euros
 Concello de Vilanova de Arousa. GONZALO GARCÍA
photo_camera Concello de Vilanova de Arousa. GONZALO GARCÍA

O Consello da Xunta aprobou onte un convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Concello de Vilanova, que achega a contía económica necesaria para levar a cabo a reforma integral da Praza de Abastos, que fará posible culminar a reforma e crear o espazo gastronómico A Vilanovesa e-Gourmet Market.

Con este convenio o Goberno autonómico achega 399.997 euros, o necesario para completar o importe global das obras, que contaron cunha axuda de fondos estatais do ‘Plan de recuperación, transformación e resiliencia’ que non sufragaban a totalidade do proxecto.

A iniciativa, cun investimento global de 1,9 millóns, supón reformar de xeito integral o actual mercado municipal e crear novas áreas de uso público vencelladas á gastronomía. Actuarase na parte superior que hoxe en día é cuberta e será destinada a un espazo gastronómico. As zonas oeste e leste deste andar acondicionaranse para crear un parque infantil, un espazo multiusos destinado a expansión da mocidade e salón para actos multifunción onde se poderían desenvolver cursos e actividades xuvenís de todo tipo.

Tamén se prevé a mellora e o acondicionamento das infraestruturas na planta baixa, que na actualidade está destinada a mercado de abastos e das zonas de acceso coa implantación de prazas de aparcadoiro para persoas con discapacidade, espazos para bicicletas, entre outros.