A Xunta investirá preto de 1,3 millóns nas sendas das estradas PO-302 e PO-306 de Vilanova

A intervención permitirá habilitar na contorna do núcleo urbano itinerarios de uso peonil continuo na marxe dereita das dúas vías autonómicas, que sumarán 1,4 quilómetros de lonxitude
Plano de planta da actuación nas obras das sendas nas estradas PO-302 e PO-306 en Caleiro, en Vilanova de Arousa. DS
photo_camera Plano de planta da actuación. DS

A Xunta recibiu 11 ofertas de empresas para executar as obras das novas sendas nas estradas autonómicas PO-302 e PO-306, en Caleiro, no concello de Vilanova de Arousa. Trátase de habilitar un itinerario de uso peonil continuo na marxe dereita destas dúas estradas autonómicas, que sumarán 1,4 km de lonxitude, na contorna do núcleo urbano deste municipio arousán. 

A intervención suporá un investimento global de preto de 1,3 millóns de euros, tendo en conta o pagamento dos predios necesarios para a execución dos traballos. O acto de levantamento das actas de ocupación está fixado para o vindeiro 24 de maio. A previsión é iniciar os traballos no verán e poder rematalos no primeiro trimestre de 2024. A actuación ten un prazo de execución de 8 meses.

Esta intervención permitirá executar un itinerario dunha lonxitude de 1.100 metros na estrada PO-302 e unha senda de 270 metros na estrada PO-306, discorrendo entre os puntos quilométricos 0 e 1+100 no caso da primeira, e entre o quilómetro 0 e o 0+270 na segunda.

O itinerario contará cunha anchura mínima de 2,20 metros e estará separado da estrada por medio dun bordo de formigón e dun separador vexetal nas zonas onde se proxecten aparcadoiros en batería.

O proxecto obxecto deste contrato inclúe a demolición das beirarrúas existentes e a execución dunhas novas cun pavimento enlousado de granito en todo o tramo da estrada PO‐302, que transcorre polo medio do núcleo urbano de Vilanova e Arousa.  Ademais, construiranse os tramos que faltan na actualidade da rede de pluviais, saneamento e abastecemento na estrada PO‐302; e unha rede de pluviais na PO‐306. 

Renovarase o alumeado na PO‐302, substituíndo as luminarias existentes que se atopan deterioradas por unhas acordes á contorna do ámbito de actuación. Esta obra conta co financiamento europeo a través dos Fondos React-UE.