A Xunta presenta a oferta de campamentos e campos de voluntariado para este verán

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou na mañá deste mércores da oferta, que contempla 48 quendas distintas en 17 instalacións da provincia orientadas a nenos e mozos de 9 a 30 anos de idade, nunha visita ao campamento xuvenil das Sinas, en Vilanova de Arousa
Luis López visitó el campamento de As Sinas para presentar la oferta de campamentos y campos de voluntariado del verano. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Luis López presentou a oferta de campamentos e campos de voluntariado en As Sinas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, vén de habilitar un total de 2.424 prazas en campamentos e campos de voluntariado na provincia de Pontevedra ao abeiro da campaña xuvenil O Verán Que Sempre Vas Lembrar, impulsada pola Dirección Xeral de Xuventude para o presente ano 2023. Así o anunciou na mañá deste mércores o delegado territorial, Luis López, nunha visita ao campamento xuvenil das Sinas, no Concello de Vilanova de Arousa

A campaña contempla ata 48 quendas distintas en 17 instalacións da provincia e está orientada a nenos de 9 a 17 anos de idade, no caso dos campamentos, e de 18 a 30 anos para os campos de voluntariado. As persoas interesadas poden formalizar a súa solicitude, exclusivamente a través do rexistro electrónico da Xunta, ata o vindeiro 2  de maio e poderán beneficiarse de descontos na cota de inscrición do 50% para familias numerosas e monoparentais e do 25% para os usuarios do carné xove. A distribución das prazas realizarase de xeito directo en caso de que a demanda sexa igual ou inferior á oferta e por sorteo en caso contrario. As actividades comezarán a principios de xullo e prolongaranse ata ben entrado o mes de setembro.

As ofertas máis amplas da provincia de Pontevedra son as referidades aos campamentos que se desenvolverán nas Sinas, con cinco quendas de 120 prazas para un total de 600 coa celebración da actividade O Mar Que Imaxinas, e no campamento de Ponte Maril, no Concello de Forcarei, onde terán lugar oito quendas de participación variable ata un total de 600 prazas para as iniciativas Aventura na Natureza e Pequecho Aventura.

A oferta de campamentos en Pontevedra completarase con 360 prazas en seis quendas na Illa de Ons coa actividade A Illa Marabilla; 24 prazas nunha quenda no Albergue Vicente Agulló de Lalín con Aventura+; 360 prazas en seis quendas en Mondariz-Balneario nas modalidades de Multiaventura e Multideporte; 40 prazas nunha quenda na granxa-escola de Tomiño con Aventura na Granxa; 90 prazas en dúas quendas en Panxón con ZerowSte; 40 prazas nunha quenda en Silleda con Aventura na Fervenza; 45 prazas nunha quenda no Centro de Educación Ambiental El Kiriko de Fornelos de Montes; e 30 prazas nunha quenda na Illa de San Simón con A Illa das Aventuras.

Por outra banda, os campos de voluntariado da provincia de Pontevedra terán a súa maior oferta nas Illas Cíes, onde se celebrarán cinco quendas con vinte participantes cada unha para un total de 100 prazas. Ademais, haberá outras nove iniciativas individuais, con 15 prazas cada unha, en Vilanova de Arousa, Soutomaior, Mos, O Porriño, Cerdedo-Cotobade, a Illa de San Simón, Lalín, Oia e O Grove.