A Xunta amplía a senda peonil de Vilanova e mellora as beirarrúas

A actuación, de máis de 1,1 millóns de euros, realizouse na PO-549 e beneficia aos concellos de Vilanova e Vilagarcía
Agustín Reguera durante a súa visita á senda peonil de Vilanova de Arousa. DS
photo_camera Agustín Reguera durante a súa visita á senda peonil de Vilanova de Arousa. DS

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Vilanova de Arousa. En concreto, as obras realizadas na senda peonil da PO-549 entre Vilanova e Vilagarcía de Arousa. 

A actuación permitiu aumentar o traxecto da senda peonil xa existente, reparar e aumentar o ancho das beirarrúas. Ademais instalouse o alumeado e realizáronse traballos de xardinería en algúns tramos.

O delegado territorial puxo en valor a importancia desta actuación para estes concellos, ao favorecer a mobilidade e permitirlle aos veciños facer os seus desprazamentos a pé de xeito máis cómodo e seguro, a través dunha nova senda que acada os 2,5 quilómetros. 

A obra foi posible grazas a un investimento da Xunta de máis de 1,1 millóns de euros. O delegado destacou “o compromiso da Xunta por levar a cabo obras que melloren a calidade de vida de todos os galegos e galegas”.