Os traballos na ponte de Ponte Arnelas entran nunha nova fase coa desmontaxe do taboleiro

As obras céntranse no taboleiro da Ponte de Ponte Arnelas. DS

A Xunta trasladou aos concellos de Vilanova de Arousa e Ribadumia a solución de reconstrución, que se centrará nun dos cinco vans da ponte, no treito que vai sobre o río

Os traballos para reconstruir a ponte de Ponte Arenelas entran nunha nova fase. A Xunta vén de iniciar a desmontaxe do taboleiro, avanzando nos traballos de retirada da actual estrutura metálica. Así, a obra céntrase agora no corte das capas de formigón e de aglomerado para poder proceder á retirada do taboleiro. 

Neste sentido, para a desmontaxe do taboleiro é necesario realizar cortes perpendiculares coma se fose un damero, e ir retirando por tabletas, segundo informaron dende o ente autonómico, polo que primeiro realizáronse cortes lonxitudinais, traballos que xa están rematados. Neste momento están a levarse a cabo os cortes transversais, o que permite, a medida que se van completando, ir retirando as tabletas cun guindastre. Prevese que esta tarefa terá unha duración de entre tres e catro semanas. 

As obras céntranse no taboleiro da Ponte de Ponte Arnelas. DS

Esta nova actuación desenvólvense despois de que se executaran os traballos de apuntalamento e arriostramento transversal do ponte, o desmonte dos peitorís de formigón, a colocación da tubaxe provisional de abastecemento e desmonte e a instalación de barreiras antiturbidez e de lonas para evitar contaminación no río. Nas seguintes semanas, unha vez realizada a desmontaxe do taboleiro, procederase á execución dun pequeno recheo no río para o posicionamento de guindastres para desmonte da estrutura metálica e a súa posterior retirada. Os traballos continuarán coa execución da nova estrutura ao tempo que se rematará a definición do deseño da nova estrutura metálica para iniciar a súa fabricación.

Reconstrución da ponte

Todas estas intervención forman parte da solución definitiva para a reconstrución da ponte, xa trasladada aos concellos de Vilanova de Arousa e de Ribadumia, segundo explicaron dende a Xunta. Neste sentido, o ente autonómico segue a avanzar nos traballos, que suporán un investimento autonómico de máis de 5,3 millóns de euros. Para isto, intervirase só nun dos cinco vans da ponte, é dicir, só na parte que vai sobre o río, polo que o primeiro paso será a desmontaxe desa parte do viaduto para, de seguido, acometer á súa reconstrución.

Na reconstrución reforzarase a cimentación da ponte e montarase a nova estrutura metálica sobre a que, posteriormente, se colocarán as prelousas, que serán prefabricadas para axilizar os prazos. A partir de aí será necesaria unha fase de traballo sobre o terreo en ferrallado, impermeabilización, pavimentación, pintado, instalación de peitorís. A actuación suporá mudar a tipoloxía e a fisionomía da ponte, que perderá o seu arco e os seus tirantes, pero gañará en estética e integración, segundo o ente autonómico.