Rueda destaca en Vilanova o papel dos BIC á hora de dinamizar o turismo

▶ A Casa Museo de Valle Inclán, que forma parte dos Bens de Interese Cultural galegos, reabre tras unha reforma de máis de 500.000 euros
Representantes da Xunta e do Concello, este mércoles na Casa Museo. RAFA FARIÑA
photo_camera Representantes da Xunta e do Concello, este mércoles na Casa Museo. RAFA FARIÑA

O presidente da Xunta de Galicia en funcións, Alfonso Rueda, puxo este mércores en valor os Bens de Interese Cultural galegos coma unha parte importante da riqueza de Galicia como destino, e que, á súa vez, son un polo de atracción turística nas rutas do Camiño de Santiago. Este é o caso da Casa Museo de Valle Inclán en Vilanova, na que onte se celebrou o acto de reapertura coa visita do presidente, quen destacou ‘in situ’ que a paisaxe, o patrimonio cultural ou a gastronomía son os principais atractivos turísticos do territorio galego ao longo de todo ano que cómpre "coidar, mimar e seguir facendo sostibles".

Para Rueda, "o turismo é unha parte moi importante da economía"e contribúe a facer "marca Galicia", sinalou, salientando que Galicia segue a consolidarse como un destino turístico sostible que atrae cada vez a máis viaxeiros e durante todo o ano, non só nos meses de verán. Tras acadar o récord de sete millóns de turistas aloxados durante 2023, a comunidade segue a rexistrar datos históricos neste 2024 con máis de 405.000 pernoctacións no mes de Entroido, o pasado febreiro, o dato máis alto dos últimos 11 anos e que axuda a avanzar na desestacionalización, lembrou.

Representantes da Xunta e do Concello, este mércores na Casa Museo. RAFA FARIÑA
Representantes da Xunta e do Concello, este mércores na Casa Museo. RAFA FARIÑA

Neste sentido, o presidente en funcións aludiu ás "boas previsións turísticas de Galicia para esta Semana Santa, onde o sector agarda unha ocupación de entre o 70 e o 80 % que podería mesmo superar o 90 % nalgunhas zonas como Santiago de Compostela, Ribeira Sacra ou Costa da Morte, entre outras". Tamén fixo fincapé na atracción que o Camiño supón para os viaxeiros, xunto coa importancia de preservar os bens culturais que hai nas diferentes rutas. 

Nesta liña, a Xunta ten en marcha o Plan Xacobeo Next Generation que, entre outras iniciativas, destina 24,4 millóns de euros á rehabilitación e conservación de doce Bens de Interese Cultural (BIC) de titularidade pública que hai no Camiño. 

Precisamente, a Casa Museo Valle Inclán é o primeiro destes BIC que volve abrir as súas portas tras os traballos acometidos, aos que se destinaron 546.701 euros. Entre as actuacións realizadas na que fora a vivenda natal do escritor incluíronse melloras de eficiencia enerxética, de accesibilidade -ao habilitar un ascensor e unha rampa-, eliminación de humidades ou actuacións no xardín e a contorna do museo. Para o presidente en funcións a restauración deste inmoble é importante, xa que permite "coñecer un pouco máis a un magnífico literato coma Valle-Inclán e a época na que viviu". O presidente salientou que tras a reforma, a Casa Museo está "ben acondicionada, é acolledora e un plan perfecto para a xente que nos visita durante todo o ano".

Ademais, estanse a facer melloras noutros 11 BICs que os peregrinos poden atopar ao facer a ruta xacobea. Trátase da Fortaleza de Monterrei (14,4 millóns de euros); actuacións nos arquipélagos de Sálvora e Ons (1,6 millóns en cada caso); o Parque do Pasatempo en Betanzos (1,5); na Ribeira Sacra (1,4), ou na Ribeira do Lérez (un millón), entre outras.