A Xunta limpa os treitos interurbanos de catro ríos ao seu paso polo Salnés

▶ As actuacións lévanse a cabo nos termos municipais de Ribadumia, Cambados e Vilanova, ao longo de 7,2 quilómetros
Operarios durante os traballos. DS
photo_camera Operarios durante os traballos. DS

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Umia, o rego do Sisto, o rego de Lobeira, e un río innominado, ao seu paso polos concellos de Ribadumia, de Cambados e de Vilanova de Arousa. 
 
Estas intervencións estanse a desenvolver nos percorridos destes ríos ao seu paso por distintas parroquias destes tres municipios da comarca do Salnés. Precisamente, as actuacións desenvólvense ao longo de treitos que suman unha lonxitude total que rolda os 7,2 quilómetros, nas diferentes marxes de cada un deles.

As tarefas que se están a levar a cabo céntranse actualmente na retirada de árbores e pólas caídas na canle dos ríos, así como en eliminar madeira morta para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, os catro ríos pertencentes a estas áreas quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de competencia autonómica. Segundo apuntaron dende a Consellería, os traballos contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.