O PSdeG lembra no Pazo de Baión que "a droga segue sendo un problema en Galicia"

No acto de conmemoración polos 15 anos de incautación do Pazo de Baión, Carmela Silva e Formoso abordaron o problema do narcotráfico na Comunidade Autónoma e valoraron o papel de organizacións como Érguete
Os membros do PSdeG e Carmen Avendaño neste acto. DS.
photo_camera Os membros do PSdeG e Carmen Avendaño neste acto. DS.

O acto de conmemoración dos 15 anos da incautación do Pazo de Baión das mans do seu titular, o narcotraficante Laureano Oubiña, celebrouse este mércores a mans do PSdeG. Neste acto a presidenta e candidata ao Senado, Carmela Silva, esixiulle a Feijóo que "pida perdón" ás vítimas da droga pola súa relación co narcotraficante Marcial Dorado. 

Nas portas do Pazo contouse coa presenza do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, xunto con militantes e simpatizantes do partido político e entidades de loita contra a droga representadas pola presidenta de Érguete, Carmen Avendaño. 

Carmela Silva recordou "aquela amizade de 15 anos cun narcotraficante recoñecido derivaron contratos da administración pública que logo desapareceron nunha inundación para que non houbera rastro". Ademais, deste momento, a socialista valorou o papel de Avendaño como "estandarte e exemplo de loita contra a droga e contra uns narcotraficantes que deixaron un camiño de morte e destrución na xuventude de Galicia". 

Por outro lado, Formosa lembrou que o próximo luns é cando este Pazo cumpre os 15 anos de incautación por parte dun goberno encabezado polo socialista Emilio Pérez Touriño, que en palabras do secretario xeral "fixo o que tiña que facer". Agora o Pazo "é simbólico dunha loita de toda unha sociedade contra a lacra da droga encabezada pola amiga e referente Carmen Avendaño". 

A incidencia que segue a ter a drogadicción en Galicia foi advertida por Formoso que reclamou "poñer activas todas as medidas que o sistema permita e convencer a toda a sociedade de que esta lacra crece". Recalcou que "tiveron que ser Avendaño e as familias, xunto coa xustiza, as que puxeran en tela de xuízo ao sistema e loitar contra esa gran lacra que tanto dano facía e fai en Galicia". A Comunidade Autónoma segue a ser un foco de entrada destas substancias, en 2022 incautáronse 22.000 quilogramos de cocaína.

Por último, chegou a participación de Avendaño no acto, que esixiulle ás administracións "poñan todos os medios para que a droga deixe de entrar en Galicia, que ten que ter unha xuventude sa, coñecedora dos problemas que pode xerar o consumo e cunhas familias involucradas na súa educación". 

Lemboru, ao igual que o socialista, que o problema da droga segue existindo e animou a continuar co traballo iniciado nos anos 90 polas organizacións contra a droga. Avendaño reclamou "illar aos narcotraficantes para que non teñan facilidades para entrar na sociedade".