As candidatas socialistas do Salnés participan na campaña 'As alcaldesas da xente'

O acto tivo lugar no Auditorio Valle-Inclán de Vilanova. DS
Marta Giraldez (Meis), María Vales (Vilanova) e Ainoha Fervenza (Sanxenxo) estiveron presentes na presentación do acto pola igualdade organizado polo PSOE que pechou Carmela Silva en Vilanova

O Partido Socialista celebrou este martes o seu acto central sobre Igualdade da campaña das Municipais na provincia, celebrado no Auditorio de Vilanova de Arousa. Un debate que pechou a presidenta do PSdeG-PSOE, Carmela Silva, dando resposta a unha pregunta, en formato vídeo, formulada pola ex-vicepresidenta do Goberno, Carmen CalvoAs alcaldesas da xente, alcume que recibe a campaña, contou tamén coas preguntas formuladas por Isabel Rodríguez, ministra voceira do Goberno; María Chivite, presidenta de Navarra; Nuria Martín, presidenta da Deputación de Barcelona e alcaldesa de Hospitalet e Andrea Fernández, secretaria de Igualdade da Executiva Federal Socialista. Ademais houbo preguntas formuladas pola vicesecretaria xeral provincial, Paula Fernández, e por persoas do público.

As alcaldesas e candidatas da provincia que tomaron parte neste formator esponderon ás cuestións dende o escenario do Auditorio. María Vales (candidata de Vilanova); Marta Giráldez (alcaldesa de Meis); Digna Rivas (alcaldesa de Redondela); Verónica Tourón (alcaldesa de Salceda de Caselas) e as candidatas Iria Malvido (Cangas), Victoria Alonso (Mos), Ainhoa Fervenza (Sanxenxo), Silvia Cernadas (Soutomaior), Violeta de Santiago (Tomiño), María Manteiga (Vila de Cruces), Ana Couto (Cerdedo-Cotobade), María Ferreirós (Valga) e Violeta Lois (Mondariz), foron as participantes nesta reunión socialista.

Na súa intervención a distancia, Carmen Calvo preguntou sobre o porqué do lento avance das medidas para garantir os dereitos das mulleres, o porqué do ritmo nos necesarios cambios sociais e sobre o porqué da resistencia “do patriarcado” que aínda desconfía da autoridade que exercen as mulleres que dan o paso de poñerse á fronte das iniciativas sociais.

A presidenta provincial tomou a palabra para pechar o acto e na súa intervención destacou que “as mulleres somos a metade do mundo e queremos a metade de todo; non nos conformamos nin nos conformaremos e estamos tamén nos espazos de poder para facer as transformacións sociais pendentes e porque nos corresponde a nós facelo”. Ante iso, animou a tódalas alcaldesas e concelleiras que saian das urnas nas próximas Municipais a abordar tódalas súas accións con “perspectiva feminista e gafas violetas”.

Ao longo da xornada abordáronse tamén o compromiso das mulleres que dan o paso de presentarse nunha candidatura e o avance dos plans de igualdade nos concellos. Responderon ademáis ás cuestións sobre a necesidade de impulsar iniciativas de corresponsabilidade dende os concellos e o urbanismo feminista, que é o que deseña espazos públicos libres, accesibles, cómodos e seguros para as mulleres. Noutra das intervencións preguntouse sobre cales deberían ser as prioridades das alcaldesas que saian das Municipais do 28M para orientar a súa acción política cara o feminismo. Finalmente, houbo un apartado para debater sobre a dobre discriminación das mulleres no rural.