Galiza Nova presenta as Xornadas de Verán baixo o título 'Participar politicamente no 2023'

Terán lugar os días 16 e 17 de setembro no Albergue Xuvenil As Sinas
Presentación das Xornadas de Verán do BNG. DS
photo_camera Presentación das Xornadas de Verán de Galiza Nova. DS

A organización xuvenil do BNG presentou este martes a programación da trixésimo terceira edición das súas xornadas de formación de verán que terán lugar os días 16 e 17 de setembro no Albergue Xuvenil As Sinas en Vilanova de Arousa.

Tal e como indicou o responsable comarcal do BNG no Salnés, Manolo Domínguez, "a formación é un piar fundamental de calquera organización política e moito máis aínda dunha organización xuvenil" e salientou que "para nós é un orgullo contar coa militancia de Galiza Nova na nosa comarca esta fin de semana".

Pola súa banda, a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, animou a toda a mocidade "que lle interese participar politicamente e decidir sobre o seu futuro" a inscribirse nas xornadas, sinalando que a inscrición pode facerse a través do correo ou poñéndose en contacto polas redes sociais.

As xornadas serán unha formación de 2 días en torno á militancia e participación política no 2023. Terán actividades como mesas redondas con diferentes organizacións do país, obradoiros de redes sociais e de traslado de discurso no que contarán co tenente a alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, ou un roteiro para coñecer a comarca que será impartido polo propio Manolo Domínguez.

Son unhas xornadas abertas a calquera moza ou mozo de entre 15 e 30 anos que estea interesado e nas que tamén haberá "espazo para o convivio e para coñecernos máis entre nós, para tecer organización e redes", sinalou Gómez. O programa completo da actividade pódese consultar na web da organización.