A Xunta abrirá en Vilanova un novo polo de emprendemento

O obxectivo da iniciativa é xerar emprego, dinamizar a economía local e fixar poboación
Visita de la conselleira Elena Rivo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Visita de la conselleira Elena Rivo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, anunciou este luns a creación dun novo Polo de emprendemento e apoio ao emprego en Vilanova de Arousa, que será o segundo da provincia de Pontevedra e que permitirá “xerar emprego e emprendemento e fixar poboación no rural, tan importante en Galicia”. Así, nun encontro con empresarios da comarca do Salnés, destacou a relevancia da bisbarra no eido do turismo, no comercio ou no sector primario -nomeadamente no mar- e aseverou que aínda queda moito potencial, xerando riqueza pegada ao territorio, pola vía do emprendemento e do emprego de calidade.

Na xuntanza, púxose en valor que a Rede de polos xorde para ofrecer un acompañamento continuado das persoas emprendedoras en cada unha das fases polas que vaian pasando os seus proxectos. O obxectivo é convertelos en verdadeiros centros de dinamización dos territorios nos que se asentan, sendo foros de interlocución que permitan recoller as demandas da súa poboación e dar resposta desde a Administración coa colaboración do sector privado.

Na súa intervención, Elena Rivo agradeceu a boa disposición do Concello de Vilanova de Arousa de cara ao novo servizo e o seu ofrecemento de establecer o futuro polo de emprendemento no Pazo de Vista Real