Comezan os traballos de desmontaxe dos peitorís da ponte de Pontearnelas

Traballos de desmontaxe dos peitorís na ponte de Pontearnelas. DS
O obxectivo é ter desmontada a ponte no verán e comezar logo a reconstrución, co fin de que poida estar rematada a finais deste ano ou a principios do vindeiro exercicio ▶ A solución de reconstrución, trasladada aos concellos de Vilanova de Arousa e Ribadumia, centrarase nun dos 5 vans da ponte, no treito que vai sobre o río

A Xunta comezou cos traballos de desmontaxe da ponte de Ponte Arnelas para avanzar cara a súa reconstrución. A desmontaxe está centrada agora na retirada dos peitorís, que se está a levar a cabo no treito entre o arco e as pilas máis próximas ao río, mantendo un control topográfico intensivo.

As tarefas desenvólvense tras apretar os puntais que apeaban a ponte, uns elementos inicialmente colocados para impedir maiores movementos. Para facilitar a desmontaxe da ponte, alongouse a posta en carga, de modo que os puntais pasaron a soster gran parte do peso da estrutura.

Estas accións permitiron comezar a semana pasada a retirada do entarimado da madeira da parte peonil do tableiro da ponte, o alumeado e as luminarias.

De xeito paralelo, a Axencia Galega de Infraestruturas tamén estivo traballando con Augas de Galicia e coa Mancomunidade de Augas do Salnés para proceder á retirada da tubaxe de abastecemento que había na ponte. Acordouse acometer un bypass cunha tubaxe das mesmas características, de polietileno de 300 mm de diámetro, ata que se poida repor a condución na ponte reconstruída.

Reconstrución

Todas estas actuacións enmárcanse na solución definitiva para a reconstrución da ponte, xa trasladada aos concellos de Vilanova de Arousa e de Ribadumia. Neste sentido, a Xunta traballa co obxectivo de ter desmontada a ponte no verán e comezar logo a reconstrución, co fin de que poida estar rematada a finais deste ano ou a principios do vindeiro.

Tras detectarse en abril danos en varias péndoas que provocaron que a calzada cedese parcialmente, a Xunta comezou a traballar de inmediato para acometer unha actuación importante sobre o treito do río que suporá mudar a tipoloxía e a fisionomía da ponte, que perderá o seu arco e os seus tirantes, pero que gañará notablemente en estética e integración.

Concretamente, intervirase só nun dos 5 vans da ponte, é dicir, só na parte que vai sobre o río. Para iso, o primeiro que se ten que facer e segundo están avanzando xa os traballos, será a desmontaxe desa parte do viaduto para, a continuación, proceder á súa reconstrución.

Na reconstrución reforzarase a cimentación da ponte e montarase a nova estrutura metálica sobre a que, posteriormente, se colocarán as prelousas, que serán prefabricadas para axilizar os prazos. A partir de aí será necesaria unha fase de traballo sobre o terreo en ferrallado, impermeabilización, pavimentación, pintado, instalación de peitorís, etc.