A Casa-Museo suma ao seu relato expositivo novos documentos e fotografías dos irmáns Camba

O Conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este luns a mostra e destacou o papel que tivo Galicia e Vilanova de Arousa nas obras de Julio e Francisco Camba
Román Rodríguez e Gonzalo Durán visitaron este luns a exposición dos irmáns Camba na Casa-Museo de Vilanova. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O conselleiro, Román Rodríguez, xunto ao alcalde do municipio, Gonzalo Durán, na visita organizada este luns á exposición dos irmáns Camba na Casa-Museo de Vilanova. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilanova de Arousa inaugurou este luns a renovación da exposición centrada nas figuras de Julio e Francisco Camba, que destacaron pola súa traxectoria no mundo das letras e o xornalismo. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, achegouse ata a Casa-Museo Irmáns Camba para visitar esta mostra, realizada a través dun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia. Trátase dun acordo dotado con case 55.000€ que se asinou no marco do 60 aniversario do falecemento de Julio Camba e que permite incorporar ao relato expositivo as últimas doazóns de libros, cartas, fotografías e documentos persoais dos irmáns Camba feitas pola familia Pombo.

No transcurso da visita, o responsable autonómico de Cultura, acompañado polo director xeral desta área, Anxo M. Lorenzo, reivindicou o valor literario dos irmáns Camba e destacou o papel que tivo Galicia e Vilanova de Arousa na súa obra. “Aínda que ambos pasaron os últimos anos da súa vida en Madrid a historia destes dous irmáns non se pode entender sen a súa vinculación con esta vila”, afirmou.

Neste senso, explicou que as doazóns recibidas polo Concello van permitir incrementar o coñecemento sobre estas dúas figuras literarias ao incorporar ao relato expositivo un importante número de elementos documentais. En concreto, trátase de 68 libros da biblioteca persoal dos irmáns Camba, así como revistas, cartas e tarxetas postais manuscritas, fotografías e outros documentos persoais pertencentes principalmente a Julio Camba, pero tamén ao seu irmán e aos seus pais. 

Situado no barrio de Vilamaior, o edificio que acolle este museo é un exemplo típico da arquitectura civil galega, con escaleira de patín e escudo nobiliario na fachada. A que foi a casa natal de Julio e Francisco Camba acolle unha exposición permanente das primeiras edicións obras, artigos e fotografías destes dous irmáns, que destacaron no mundo das letras e o xornalismo.