116 mozos e mozas de toda Europa participarán nas formacións Erasmus Plus

Arousa Moza, organizadora do programa, ofertará un trío de proxectos aos traballadores e voluntarios procedentes de diversos países
Erasmus Plus de Arousa Moza. DS
photo_camera Imaxe de intercambios pasados organizados por Arousa Moza. DS

Un total de 116 mozos e mozas de toda Europa participarán nas tres formacións que Arousa Moza organiza nesta primeira metade de 2023 dentro do programa Erasmus Plus da Unión Europea. Os encontros terán lugar no albergue xuvenil de As Sinas, en Vilanova de Arousa, cunha duración comprendida entre os oito e os dez días.

Genderless Reality, o primeiro dos cursos, comeza este mesmo mércores, 15 de marzo, coa chegada de 20 participantes, traballadores ou voluntarios no ámbito da xuventude, de España, Turquía, Romanía, Polonia, Italia e Portugal. A formación impartida por Tamara Fernández, psicóloga en servizos sociais comunitarios na Universidade de Santiago, abordará a perspectiva de xénero nas organizacións, a identificación e erradicación de comportamentos sexistas e os factores sociais que provocan as desigualdades de xénero. Ademais do contido teórico e práctico, o programa conta con diferentes actividades coas que os participantes poderán coñecer a realidade en Arousa, como unha visita guiada pola illa de Cortegada da man da asociación Amarcarril, destacando o papel das mulleres mariscadoras na nosa ría, que terá lugar o vindeiro venres 17.

O trío de proxectos completarase con Connect With You(th), do 16 ao 25 de abril, sobre o autocoidado e a saúde mental, con 50 participantes, e con Tolerart, sobre a arte como ferramenta para a inclusión social, do 22 ao 30 de maio e cun total de 46 participantes. Aos países participantes mencionados anteriormente súmanse tamén Suecia, Estonia, Grecia, Hungría e Macedonia do Norte nestes últimos.