A Xunta inviste 70.000 euros na modernización e preparación das praceiras de Vilagarcía

Este apoio permitiu mellorar a imaxe e a funcionalidade do edificio, converténdoo nun lugar máis atractivo para a clientela e máis confortable para os traballadores
Agustín Regueira xunto a Álvaro Carou na praza de Abastos de Vilagarcía. DS
photo_camera Agustín Regueira xunto a Álvaro Carou durante a súa visita á praza de Abastos de Vilagarcía. DS

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou na mañá deste xoves a Praza de Abastos de Vilagarcía, onde a administración autonómica investirá máis de 70.000 euros como parte das axudas para o impulso dunha rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e rehabilitación das prazas de Abastos. 

Na comarca do Salnés, a Xunta leva invertidos preto de 120.000 euros que están a permitir mellorar o funcionamento e as infraestruturas dos mercados de excelencia.

A achega divídese en dúas anualidades, sendo que para este 2023 están destinados máis de 53.000 euros que xa permitiron realizar varias obras no edificio. Entre elas, a colocación e selado de todos os cristais da fachada norte e sur. Ademais, realizáronse traballos de pintado e colocación de canlóns e reparáronse os cuartos de baño.

Cabe destacar que esta axuda permitiu tamén ofrecer formación ás praceiras para que melloren o seu proceso de venda e que conten con nocións básicas de márketing visual e colocación de produtos. 

O delegado territorial louvou as melloras levadas a cabo na Praza de Abastos e sinalou o “bo aproveitamento da achega” coa que se conseguiu solucionar varias carencias que tiña o edificio e que agora será “moito máis confortable para os traballadores e traballadoras e atractivo para os seus clientes”. 

Reguera tamén quixo felicitar ás praceiras pola súa paciencia durante o período de obras e pola súa participación nas accións formativas: “Sabemos que cada vez é máis difícil atraer xente ás prazas. Por iso estas axudas son tan importantes, porque máis alá de mellorar o voso espazo de traballo, permítenvos aprender as ferramentas necesarias para adaptar este oficio aos novos tempos”.