A Xunta estuda executar unha nova senda peonil entre Bamio e Carril

En xaneiro e decembro reuniráse cos titulares dos terreos necesarios para levar a cabo os traballos
Tramo no que se vai levar a cabo a senda peonil. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Tramo no que se vai levar a cabo a senda peonil. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A  Xunta publicou este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se convoca, para decembro e para xaneiro, aos titulares dos terreos necesarios para executar o novo itinerario de uso peonil entre Bamio e Carril, no concello de Vilagarcía de Arousa.

Trátase de impulsar a mellora da mobilidade peonil na intersección das estradas autonómicas PO-548 e PO-192. A actuación suporá un investimento de case 335.000 euros, incluíndo o pagamento dos 5 predios necesarios para executar a intervención. 

O levantamento das actas previas á ocupación terá lugar o vindeiro día 12 decembro de 10.00 a 13.00 horas, no salón de plenos do Concello de Vilagarcía de Arousa; e a súa formalización, o 30 de xaneiro de 2024, no mesmo horario e lugar.

Ao tempo, a Xunta segue a avanzar nos trámites que permitan licitar e executar as obras. A actuación ten un prazo de execución de 5 meses.

O obxectivo desta intervención é resolver a configuración da intersección entre estas dúas vías autonómicas para favorecer a seguridade e mobilidade peonil entre estes núcleos do municipio arousán e a conexión co cemiterio municipal situado na proximidade. 

En concreto, habilitarase un itinerario alternativo máis seguro e segregado do tráfico rodado. Na actualidade os veciños que se desprazan a pé entre Bamio e Carril fano pola beiravía das estradas PO-548 e PO-192, sendo necesario ademais para acceder ao cemiterio de Carril cruzar a PO-548, sen que exista na actualidade ningún cruzamento seguro acondicionado para iso. A escasa beiravía dispoñible na PO-192 e o tráfico elevado que circula pola PO- 548 implica que o percorrido resulte perigoso.

A nova senda posibilita a conexión a pé con seguridade entre Bamio e Carril, conectando as beirarrúas existentes nos extremos. 

O percorrido aproveita un treito antigo de estrada que se acondiciona como paseo peonil, completándose a senda pola beira da PO-192 e do viario municipal da gasolineira. Deste xeito conséguese comunicar as parroquias de Bamio e Carril, dando acceso peonil ao cemiterio de Carril, considerado un foco de atracción de desprazamentos na zona. Con esta actuación, polo tanto, foméntase unha mobilidade sostible en condicións seguras.

Plano de planta de situación do proxecto a executar. DS
Plano de planta de situación do proxecto a executar. DS

Máis en detalle, a actuación iniciarase onde finalizan as beirarrúas do Salgueiral, cruzan a estrada cun paso sobreelevado para non afectar a un petróglifo existente na beiravía. A partir deste punto a senda discorrerá en paralelo á PO-192 e ao viario municipal que dá acceso á gasolineira. O percorrido proseguirá polo viario municipal ata alcanzar o paso inferior que salva a variante de Carril (VG-4.7).

Unha vez pasada a estrutura, crúzase a calzada mediante outro paso de peóns sobreelevado para dirixirse a un camiño que se acondiciona con formigón coloreado e ancho de 2 metros, protexéndose o desnivel cunha varanda metálica. A continuación, o percorrido discorrerá sobre a estrada antiga ata alcanzar a beirarrúa existente en Carril.

Para acceder ao cemiterio de Carril é necesario cruzar a PO-548, sen que exista na actualidade ningún cruzamento seguro para isto. Para iso a intervención prevé un paso de peóns regulado mediante un semáforo con pulsador, ademais de complementar as escaleiras actuais cunha rampla executada mediante unha pasarela de madeira.

Ademais, para garantir a seguridade dos peóns no tránsito pola senda, a intervención complétase coa inclusión de iluminación pública: executarase un prisma con dous tubos de 63 mm con arquetas cada 100 m e báculos cada 25 m con altura 4 m.