Xabier Rodríguez Paz encabezará a candidatura municipal do BNG en Vilagarcía

Para os nacionalistas, destaca pola “práctica do diálogo e consenso como xeito de facer política en positivo e construtiva, na proximidade coa xente e por ser un  traballador incansábel, coas ideas claras para abrir un tempo novo no Concello, centrado na mellora da vida das persoas”
Xabier Rodríguez Paz, candidato del BNG a las elecciones municipales de Vilagarcía. DS
photo_camera Xabier Rodríguez Paz, candidato do BNG nas vindeiras eleccións municipais de Vilagarcía. DS

Vai celebrarse a Asemblea Local do BNG na que se ten que proclamar ao seu cabeza de lista electoral, candidato á Alcaldía nestas eleccións municipais do 28 de Maio, liderando unha proposta baseada nun “modelo de goberno municipal que sexa solvente, transformador, capaz  de xestionar con eficacia cada euro, cunha clara aposta polos servizos públicos, baixo un proxecto estratéxico orientado á mellorar a vida das persoas, aportando dinamismo económico, social e cultural”.

O elexido é Xabier Rodríguez Paz, responsábel local do partido en Vilagarcía e que forma parte do Consello Comarcal da organización no Salnés. Licenciado en Xeografía e Historia, é titor e profesor de ensino secundario no IES Armando Cotarelo Valledor. Vencellado ao sindicalismo, foi Secretario Local de CIG-Ensino e actualmente representa ao profesorado do ensino público de Pontevedra como Secretario da Xunta de Persoal Docente. Na CIG-Ensino adoita participar como “ponente” na Semana da Educación de Pontevedra. "Teimoso activista nas causas da lingua e cultura galegas vén desenvolvendo un papel militante nos movementos e colectivos Queremos Galego e Vía Galega aos que suma a súa preocupación pola preservación e posta en valor do patrimonio histórico vilagarciá, a cuxa perda, deterioro e mesmo desfeita veu asistindo ao longo destes últimos 30 anos", definen dende a formación ao seu candidato.

Neste proceso, o BNG vai “ir a por todas, coa man tendida á cidadanía, con ilusión e o convencemento de que a candidatura nacionalista vai dar a badalada cun resultado histórico, sendo a forza política que máis suba nesta cita electoral na senda do respaldo que xa recibiu nas pasadas eleccións galegas”.