Lucía Araujo será a encargada do deseñó de humanización na contorna da Praza da Peixería

O proxecto permitirá consolidar e mellorar a peonalización realizada de forma provisional a través dunha actuación de urbanismo táctico
Praza da peixería. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Praza da peixería. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Xunta Local de Goberno de Vilagarcía acordou este luns encargar á arquitecta vilagarcián Lucía Araújo Cascallar a redacción do proxecto de humanización da contorna da Praza da Peixería. A adxudicación deste contrato ten un custe de 13.000 euros (IVE incluído) e se financia coa subvención para a recuperación de espazos públicos e creación de sendas peonís e/ou ciclables concedida pola Deputación a través da Rede Ágora.

O proxecto a realizar afectará a unha superficie de 1.400 metros cadrados, os correspondentes ao tramo da avenida da Mariña que discorre por diante das instalacións culturais e da oficina municipal de turismo da Peixería. Previamente, nesta zona levarase a cabo unha actuación de urbanismo táctico para comprobar o resultado de peonalizar a rúa co obxecto de gañar accesibilidade e seguridade nun tramo especialmente transitado polos peóns que acoden aos actos e actividades que se desenvolven nas instalacións da Peixería, e tamén por ser unha zona que xa se cortaba ao tráfico os martes e sábados pola mañá para a celebración do mercado.

O proxecto encargado a Lucía Araújo mellorará e consolidará esa actuación previa cunha intervención máis consistente que permitirá renovar a imaxe dunha zona que pasará a incorporarse ás rúas peonís que a rodean: O Castro, Arcebispo Lago, Castelao e Praza de Galicia, e ás que no futuro tamén se unirá Conde Vallellano. De feito, o deseño de Conde Vallellano é outro dos proxectos cuxa redacción se financiará a través da subvención da Rede Ágora.