Villares pon en valor o papel dos depuradores de moluscos na distribución do mellor marisco galego

O conselleiro do Mar visitou na mañá deste mércores as instalacións de Mariscos Sálvora en Vilaxoán
Visita de Alfonso Villares ás instalacións de Mariscos Sálvora en Vilaxoán, Vilagarcía. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera Visita de Alfonso Villares e representantes da Xunta e do Partido Popular ás instalacións de Mariscos Sálvora. PATRI FIGUEIRAS

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor o papel dos depuradores de moluscos na distribución e venda do mellor marisco galego nos mercados. Así o manifestou acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, durante a visita ás instalacións de Mariscos Sálvora en Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, onde destacou que é grazas á profesionalidade e bo facer de empresas como a vilagarciá que chegan aos consumidores os moluscos nas mellores condicións contribuíndo ao prestixio así como á imaxe de excelencia e calidade dos produtos do mar galegos.

O responsable autonómico trasladou o apoio decidido da Xunta ás empresas do sector, representado na súa maioría na Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade) que no último ano viu incrementado o seu número de membros ata agrupar ao redor de 60 compañías. As cifras facilitadas por esta entidade amosan a súa importancia na economía galega reflectida na súa facturación media anual de preto de 450 millóns de euros. Unha relevancia que tamén ten o seu traslado no ámbito do emprego de calidade con máis de 1.000 postos de traballo, contribuíndo a dinamizar a economía e fixar poboación dos concellos costeiros.

O titular de Mar reivindicou a Lei do Litoral galega, recorrida polo Goberno central ante o Tribunal Constitucional, por ser un instrumento que recolle, de forma clara e contundente no seu articulado, que o conxunto do sector marítimo-pesqueiro galego é estratéxico e o seu acceso aos recursos, localizacións e caladoiros debe ser prioritario fronte a calquera outro tipo de posibles usos. Por iso reiterou as súas críticas ao Goberno estatal por impugnar unha norma que defende o sector pesqueiro, acuícola e a miticultura galega.  

Rebaixa do IVE

Alfonso Villares expresou o total apoio da Xunta á histórica demanda deste sector ao Estado para que acceda a rebaixar o IVE aos produtos do mar nun contexto tan complexo como o actual cun marcado descenso do consumo de peixe e marisco entre a cidadanía. Por último lamentou a negativa do Executivo central a esta medida a pesar dos informes de diferentes organismos independentes que sinalan a súa utilidade para incentivar o consumo dos produtos pesqueiros e os seus efectos positivos na actividade económica promovendo a creación de emprego.