Vilagarcía promociónase como 'city break' nas localidades con Trens Avril

A iniciativa complementará a campaña 'Vilagarcía, a 3 horas y un café' posta en marcha pola Concellería de Turismo e focalizada en Madrid. O alcalde e o edil de Turismo reuníronse en Fitur cos responsables de InterRías que están comercializando a oferta local en todo o mercado nacional e exploraron a posible inclusión de Vilagarcía na rede de viaxes do Imserso 

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o concelleiro de Turismo, Carou, reuníronse con representantes de InterRías en Fitur. DS
photo_camera O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o concelleiro de Turismo, Carou, reuníronse con representantes de InterRías en Fitur. DS

Vilagarcía de Arousa quere consolidarse como city break, é dicir destino turístico urbano de curta duración. O obxectivo é completar a campaña 'Vilagarcía, a 3 horas y un café', posta en marcha hai uns meses polo Concello para captar visitantes procedentes de Madrid e a súa contorna aproveitando as conexións ferroviarias directas entre ambas cidades cunha segunda fase.

Así, coincidindo coa entrada en funcionamento dos trens Avril en marzo, Vilagarcía promocionarase tamén como 'city break' nas localidades con parada deste novo servizo ferroviario.

A estratexia de promoción turística do Concello pasa ademais por tratar de que a cidade entre na rede estable de viaxes do Imserso, un xeito de desestacionalizar a oferta, de conseguir maior actividade en temporada baixa e de dinamizar o sector local.

Estas dúas liñas de actuación concretáronse este venres na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se está desenvolvendo en Madrid e a onde se desprazaron o alcalde, Alberto Varela, e o concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, co obxecto de participar nas actividades de promoción levadas a cabo de forma conxunta a través da Mancomunidade do Salnés, así como para realizar xestións a título individual.

 

Neste marco, aproveitaron para reunirse cos responsables de InterRías, a empresa á que o Concello encargou o desenvolvemento da campaña 'Vilagarcía, a 3 horas y un café' que a firma está comercializando a tour operadores, tanto da capital do Estado, como no resto do mercado nacional.



A xuntanza co director comercial Fabián Buezas celebrouse no stand de InterRias en Fitur, e serviu para facer seguimento da promoción e para concretar as medidas para aproveitar a gran oportunidade que representan os trens Avril, que establecerán máis frecuencias na conexión ferroviaria entre a meseta e Galicia, e co atractivo engadido de que acurtará de forma considerable o tempo do traxecto.

Así, decidiuse estender a campaña ás cidades con estacións nas que fagan parada, onde se promocionará Vilagarcía como destino próximo para estancias curtas (de dous días, fin de semana e pontes),a.

 

Rede de viaxes do Imserso

A fin de abrir unha nova liña de actuación na estratexia turística da cidade, o alcalde e o concelleiro aproveitaron a estancia en Fitur para manter un encontro con empresas que xestionan as viaxes do Imserso a efectos de explorar a posibilidade de que Vilagarcía entre a formar parte na súa rede de destinos.

Este primeiro encontro serviu para confirmar o interese por ampliar a oferta de estancias en Galicia e tamén para recoller información sobre os requisitos a cumprir e os pasos a dar. En vista do falado, a intención do Concello e continuar a xestión ante o organismo competente.